O goberno local da Coruña ratifica o esforzo para aumentar as rutas e as frecuencias de voos de Alvedro

Ferreiro na reunión coa plataforma Vuela Más Alto
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, recibiron esta mañá no Pazo de María Pita a representantes da plataforma Vuela Más Alto, que avoga por fomentar o uso do aeroporto de Alvedro como ferramenta de desenvolvemento económico. Tanto o rexedor como o edil amosáronse de acordo coa importancia de potenciar a terminal aeroportuaria, aínda que apostando por un crecemento medido e sostible. “Existe a necesidade de aumentar liñas e frecuencias, pero sempre dende a racionalidade”, indicou Lema.
O concelleiro reiterou que as liñas de traballo do actual Goberno local pasan por “conseguir os mellores destinos co menor investimento” e crear un mapa de rutas que “realmente sexa útil para a cidade e atraia pasaxeiros”, tendo en conta as características do usuario tipo de Alvedro, que posúe unha porcentaxe de viaxeiros de perfil comercial dun 50%.
Tanto o Goberno local como Vuela Más Alto coinciden, entre outros aspectos, na necesidade de potenciar a conectividade do aeroporto coruñés con Barcelona (a intención do Executivo é aumentar frecuencias e seguir mantendo as de Madrid), así como reforzar as conexións con Valencia e Sevilla. Tamén destacaron a “prioridade” do enlace con Heathow como “un hub indispensable”. A pretensión do Goberno municipal é ampliar os destinos aos que poden acceder os viaxeiros coruñeses “intentando un custe cero”.
Por outro lado, e seguindo a máxima deste Goberno de fomentar a participación tanto cidadá como das diversas entidades e actores sociais da cidade, na reunión tamén se abordou a posibilidade de “establecer contactos formais de cara a colaborar e coñecer a opinión e as achegas desta plataforma con relación á política aeroportuaria”. Do mesmo xeito, Vuela Más Alto entregou ao alcalde e ao concelleiro un pequeno dossier que recolle a súa visión sobre o aeroporto coruñés.











