O goberno lalinense non ten constancia de ningún convenio para a reparación da Rolda Leste
O Goberno municipal de Lalín non ten constancia da existencia de ningún convenio con outras administracións para a reparación da Rolda Leste. Ese documento non aparece en ningún dos expedientes relativos á posible mellora desta vía de comunicación nin se atopa en ningún departamento do Concello. Tampouco se adxuntou ao proxecto remitido no seu día á Deputación, un proxecto que o propio organismo provincial consideraba incompleto e cuxa posible subvención se condicionaba á sinatura dese convenio.
Para o alcalde de Lalín a non aparición do suposto convenio só pode ter dúas explicacións: “Ou ben ese documento nunca existiu como tal, ou ben o Partido Popular o fixo desaparecer tras perder as eleccións do pasado mes de maio”. “Prefiro pensar que estamos situados na primeira hipótese”, afirma Cuíña, “porque a segunda sería moito máis grave e superaría con creces o eido do debate político para entrar noutro tipo de terreos máis pantanosos”.
“Supoño que o PP se decata da gravidade de quedar con documentos públicos ou de destruílos”, afirma Cuíña, “iso sería incluso moito máis grave que inventalos, nun desesperado e patético intento de salvar a cara, como queremos crer que está a pasar neste caso”. “Espero, polo tanto, que os populares non tivesen a grave tentación de retirar documentación do Concello antes do traspaso de poderes”, un traspaso que, para o rexedor, “queda claro que en Lalín estivo lonxe de ser todo o exemplar que debería ser un proceso de cambio de Goberno”.
En todo caso, o alcalde de Lalín insiste en que o documento presentado polo Partido Popular “non deixa de ser política-ficción mentres non leve a sinatura das persoas que figuran na derradeira páxina”. “É moi fácil dicir que existía un convenio polo simple feito de redactar un documento”, subliña o alcalde, “pero o que non está asinado non existe a efectos administrativos nin legais e, por suposto, non compromete a nada. Trátase dun intento de engano demasiado burdo e que ademais resulta impropio dun partido que gobernou esta vila durante máis de 25 anos”.
Por se fora pouco, o rexedor lembra que nin o xefe de Demarcación de Carreteras, Ángel del Río, nin a conselleira de Política Territorial, Ethel Vázquez, coñecían a existencia dese suposto documento, o que avala a teoría de que “o convenio fantasma só tiña validez na electoralista imaxinación dos membros do PP”. “En caso de que isto non sexa así”, engade Cuíña, “eu reto aos populares de Lalín a que desmintan publicamente a eses dous altos cargos, designados polo seu propio partido”.











