O goberno lalinense convoca aos hostaleiros para falar da nova ordenanza de terrazas
O Goberno municipal de Lalín convoca aos hostaleiros do municipio a unha xuntanza na que se analizará a elaboración e posta en marcha da nova ordenanza de terrazas. O encontro terá lugar o vindeiro xoves, 8 de outubro, na sala de prensa do Concello e pretende ser un punto de encontro para que os representantes do sector poidan facer as súas achegas e suxestións de cara ao deseño da nova normativa. O obxectivo último é que a ordenanza responda ás necesidades do sector ao tempo que se garante a comodidade da cidadanía.
O concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, explica que a necesidade de impulsar unha nova normativa que defina o establecemento de terrazas en espazos públicos nace dos cambios que se están a aplicar desde o inicio deste mandato na configuración urbana de Lalín. Casares considera que “hai que adecuar a norma á peonalización das rúas, sexa esta temporal, como sucedeu este verán na rúa dos viños, ou máis prolongada no tempo, como a que se vai levar a cabo a partir do mes de decembro en parte da rúa Principal e en Xaquín Loriga”.
Ao mesmo tempo, o Goberno municipal quere coñecer a opinión dos hostaleiros de Lalín sobre algún dos aspectos que se van a introducir na ordenanza, como, por exemplo, a diferenciación entre terrazas de verán e terrazas de inverno, ou as propostas de solución aos problemas existentes coas terrazas das rúas que teñen unha pendente cun excesivo grao de inclinación.











