O goberno de Lalín agradece a colaboración de todas as persoas que fixeron posible a ruta dos Pazos
O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, agradeceu hoxe, en nome de todo o Goberno de Lalín, o esforzo de todas as persoas que colaboraron na organización e fixeron posible o éxito da primeira ruta da iniciativa Roteiros de Lalín, que tivo lugar onte pola mañá congregando a unhas 200 persoas nunha andaina de 14 quilómetros.
González Casares quere dar as grazas, en especial, ao servizo de protección civil que velou pola seguridade dos camiñantes durante todo o percorrido e particularmente naqueles puntos nos que a ruta invadiu tramos viarios nos que foi necesario tomar precaucións por mor do paso de tráfico rodado. O tenente de alcalde tampouco se quixo esquecer do “magnífico traballo” das brigadas que participaron na limpeza dos camiños e sendeiros polos que transcorreu a andaina. Tamén tivo unha mención especial para Francisco Rubia e Antonio Presas, expertos que o sábado explicaron no museo os principais atractivos patrimoniais e históricos da rutas e, en xeral, quixo destacar “o empeño e bo facer de todos os que voluntariamente conforman o proxecto Roteiros de Lalín”.
Para González Casares, o éxito da primeira andaina, O roteiro dos pazos, “foi maiúsculo e sen precedentes, desbordando calquera previsión”. Por iso, considera a este respecto, que “a enorme acollida demostra as ganas que tiña a xente de que se puxeran en marcha iniciativas deste tipo, que poñen en valor e lle dan recoñecemento ao inigualable patrimonio cultural e natural do concello de Lalín”. O tenente de alcalde agarda que as vindeiras andainas manteñan o éxito participativo da realizada onte, e se acabe conformando unha estrutura estable e recoñecible de rutas espalladas por todo o concello, que atraian xente a Lalín durante todo o ano, contribuíndo á dinamizar económica, cultural e socialmente a zona.











