O goberno de Ames solicítalle á Deputación da Coruña que mellore a seguridade viaria en varios puntos do concello
O Concello de Ames, a través da concellaría de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos acaba de enviarlle ao servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña tres escritos para solicitarlle que se mellore a seguridade viaria en tres puntos da estrada DP-0205 (na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, na rotonda situada diante do CEIP Agro do Muíño, e no lugar de Firmistáns). Ademais, envióuselle á Deputación copia das solicitudes presentadas no Concello por varios veciños, nas que solicitan a revisión do espazo existente entre os barrotes da pasarela da ponte da Condomiña na estrada DP-0205, así como sobre o firme da mesma, xa que segundo manifestan é moi esvaradío en días de chuvia e xeada.
Unha das solicitudes que se lle fixeron ao servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña foi para poñer en coñecemento desta administración a existencia de dous puntos conflitivos e perigosos na estrada DP-0205. O primeiro deses puntos está situado na rúa Alcalde Lorenzo á súa entrada en Bertamiráns, dirección AC-543 (PK0,2 aproximadamente). O segundo punto sitúase no tramo situado á altura do paso de peóns que se atopa nas inmediacións da rotonda situada diante do CEIP Agro do Muíño, no lugar de As Cortes, na parroquia de Ortoño.
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, sinala que “en ambos puntos existen queixas dos veciños e veciñas xa que os vehículos pasan a excesiva velocidade, non respectando os pasos de peóns”. Polo tanto, Blas García, indica que “coa intención de eliminar eses dous puntos conflitivos, solicitóuselle á Deputación da Coruña, que na medida do posible leve a cabo algunha actuación para garantir que a redución de velocidade sexa efectiva e que se respecten os pasos de peóns. As posibles medidas a adoptar son a elevación dos pasos de peóns sobre o nivel da calzada ou a colocación de semáforos de radar que pechan en función da velocidade”.
Por outra banda, púxose en coñecemento da Deputación que na estrada DP-0205, titularidade desa administración, á altura do lugar de Firmistáns, existe un punto conflitivo e perigoso que é obxecto de innumerables queixas por parte dos veciños, xa que os vehículos pasan a excesiva velocidade. Coa intención de eliminar o perigo nese punto, solicítase a ese organismo que procedan ao pintado de pasos de peóns así como á instalación de sinais luminosas e semáforos de radar (que pechan en función da velocidade).
Por último, envióuselle á Deputación copia das solicitudes presentadas no Concello por varios veciños, nas que solicitan a revisión do espazo existente entre os barrotes da pasarela da ponte da Condomiña na estrada DP – 0205, así como sobre o firme da mesma, xa que segundo manifestan é moi esvaradío en días de chuvia e xeada.
Neste senso o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos explica que “esta é unha reclamación que levan facendo dende hai anos os veciños e veciñas xa que existe un gran risco de que algún neno/a se meta por medio dos barrotes da ponte da Condomiña e caia no río. Ademais, o estado do firme debe revisarse xa que é moi esvaradío en días de chuvia e xeada co conseguinte risco de que algunha persoa caía e se faga dano”.











