O goberno de Ames publica o procedemento para a utilización dos locais socioculturais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Co obxectivo de poñer a disposición da veciñanza os locais públicos de xestión municipal e de axilizar a súa reserva, o goberno municipal, a través da concellaría de Educación e Cultura, publica o procedemento para que particulares e asociacións poidan acceder con facilidade á concesión temporal destes espazos. Na actualidade o Concello de Ames xestiona 10 espazos socioculturais: as Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, o Pazo da Peregrina e os locais sociais de Agrón, Biduído, A Tarroeira (Ortoño), Augapesada, Cruxeiras, Piñeiro e Trasmonte.

Na páxina web do Concello, no apartado de avisos, está dispoñible o formulario que se debe cumprimentar para poder acceder a estes locais. Os interesados/as poden descargar directamente o documento, imprimilo e entregalo nos rexistros municipais na Casa do Concello en Bertamiráns, nas oficinas de Servizos Múltiples do Milladoiro ou no departamento de Educación, no Pazo da Peregrina, ou ben escanear ou enviar unha imaxe co documento cuberto e envialo ao correo electrónico: administracion.cultura@concellodeames.org.

A utilización dos espazos públicos de Ames que xestiona directamente o Concello, estará regulada a partir de agora coa publicación deste procedemento para a utilización dos locais socioculturais. “Coa publicación deste procedemento, cumprimos co compromiso electoral adquirido de poñer a disposición da veciñanza e das asociacións, os locais socioculturais que xestiona directamente o Concello, definindo unha formula que facilitará e axilizará a reserva destes espazos”, manifesta o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil.

Os locais socioculturais xestionados actualmente polo Concello de Ames son os seguintes: a Casa da Cultura de Bertamiráns que conta cun auditorio, unha sala de usos múltiples, dúas aulas e unha sala de exposicións; a Casa da Cultura do Milladoiro que conta cun auditorio, unha sala de usos múltiples e dúas salas máis; o Pazo da Peregrina que ten unha sala de exposicións e unha sala de xuntas; e os locais sociais de Agrón, Biduído, A Tarroeira (Ortoño), Augapesada, Cruxeiras, Piñeiro e Trasmonte.

Procedemento de solicitude dos locais

O primeiro paso que se debe dar para solicitar algún dos locais xestionados polo Concello de Ames é contactar cos servizos administrativos da Concellaría de Educación e Cultura para comprobar a dispoñibilidade; este contacto pode facerse a través do teléfono 981 88 49 91 ou do enderezo electrónico administracion.cultura@concellodeames.org.

Unha vez comprobada a dispoñibilidade deberá presentarse unha solicitude na que se indique: nome e apelido, DNI, domicilio completo, teléfono, e-mail; no caso de que sexa unha entidade quen solicite o local deberá presentar o CIF, o domicilio social, o teléfono e o correo electrónico. Especificarase ademais o local concreto, os días e a franxa que se solicita. Deberá constatar tamén a solicitude a declaración de se a actividade que se vai realizar é con ánimo de lucro (cobrando entrada, vendendo, etc) ou, pola contra, se a actividade será sen ánimo de lucro.

As solicitudes recoméndase facelas cunha antelación mínima de seis días laborables e máxima de dous meses anteriores ao inicio da actividade. As solicitudes poderán presentarse por medio de dúas modalidades: enviando un correo electrónico ao enderezo administracion.cultura@concellodeames.org ou nos rexistros do Concello: Casa do Concello, Oficinas Municipais do Milladoiro ou Pazo da Peregrina.

Á hora da concesión hai que ter en conta que a reserva non será automática e só se fará efectiva cando o demandante reciba confirmación por e-mail ou por teléfono. As dúbidas, aclaracións ou consultas que se queiran facer serán atendidas nos teléfonos : 981 884 991 / 662 377 017 e no e-mail: administracion.cultura@concellodeames.org . As persoas que o desexen tamén poden dirixirse directamente ao departamento de Cultura que está situado no Pazo da Peregrina, na Avda. José Luís Azcárraga Nº 5 de Bertamiráns, 15220, Ames.

Máis de 200 solicitudes presentadas

A concellaría de Educación e Cultura tramitou un total de 224 solicitudes de espazos públicos dende a incorporación do novo goberno municipal, 88 das cales foron solicitadas por particulares ou asociacións locais. Todas as demais corresponden a solicitudes internas doutras concellarías ou por grupos políticos.

A porcentaxe de ocupación dos locais municipais varía dependendo do tipo de local e das datas. Tamén é moi superior durante o tempo do curso escolar e baixa considerablemente nas épocas de vacacións debido á ausencia de obradoiros e actividades que só se realizan durante os períodos lectivos.

Nas casas de cultura as ocupacións medias aproximadas son as seguintes: Nos auditorios, de luns a xoves, a ocupación varían entre un 5% e un 35 % polas mañás e entre un 33% e un 99% polas tardes, dependendo do día de semana. En canto aos venres, a ocupación vai dun 60% a un 75% e os fins de semana, nos que as actividades son primordialmente municipais, a ocupación vai do 25% ao 75%.

Nas aulas, o uso é superior durante a semana (de luns a venres) xa que se realizan nelas múltiples actividades e obradoiros, tanto do propio Concello como de outras asociacións, cifrándose a media de ocupación, dependendo do día de semana e do local, entre un 35% e un 70% de ocupación fixa.

No relativo aos locais parroquiais a ocupación e moi inferior e tamén varía moito en función do local do que esteamos a falar. Así, aínda que na maioría deles a ocupación non supera o 20%, hai algún que rexistra durante a semana unha media próxima ao 50%, realizándose a práctica totalidade das actividades polas tardes e só, nos fins de semana, algunha polas mañas.

28 de outubro de 2015 | 20:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.