O goberno de Ames informa sobre a regularización catastral que está realizando o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

En resposta ás consultas que están facendo os veciños/as do concello respecto á carta que están a recibir da Dirección Xeral do Catastro comunicando a regularización catastral dos seus bens, desde os departamentos de Economía e Facenda, e de Urbanismo, informan que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, a través da Dirección Xeral do Catastro, iniciou nos concellos un procedemento de regularización catastral 2013-2016, que ten por obxecto incorporar ao Catastro aqueles bens que non están inscritos, ou que o están de xeito incorrecto ou incompleto (novas construcións, ampliacións, reformas…).

Dende o goberno municipal, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “se trata dun procedemento de inspección feito de oficio pola Dirección Xeral do Catastro, a través de medios propios, facendo traballo de campo e inspeccionando as propiedades. Dende o Concello recomendámoslle aos veciños/as que revisen os datos dos inmobles que modificaron ou engadiron para comprobar que estes datos sexan correctos e, no caso de que non estean ben, presenten as alegacions oportunas. Os veciños poden achegarse ao Concello para aclarar calquera dubida que teñan ao respecto”.

O concelleiro de Urbanismo, Blas García, engade que “neste procedemento de regularización o Concello de Ames non ten nada que ver, pero trataremos de axudar a todos os veciños/as que precisen axuda e achegar máis información sobre este tema. Para iso non teñen máis que achegarse polas oficinas do departamento de Urbanismo ou de Economía e Facenda”.

No caso de Ames, o procedemento de regularización que se está facendo é de aplicación, a partir da resolución do 9 de decembro do 2014 (BOE do 15 decembro 2014), da Dirección Xeral do Catastro, que inclúe dentro da Xerencia Rexional de Galicia-A Coruña a regularización para os concellos de Ames, A Baña, Corcubión, Dumbría, Frades, Laxe, Neda, Ortigueira, Outes, Paderne, Ponteceso, As Pontes de García Rodríguez e Teo. Este procedemento remata o vindeiro 30 de novembro de 2015.

Dita regularización da situación/descrición dos inmobles que correspondan a novas construcións, ou alteración das  características de inmobles existentes, que non foran comunicadas ao catastro polos propietarios/as, leva aparellada unha taxa de regularización catastral que é un tributo estatal que ascende a 60 euros por cada un dos inmobles obxecto de regularización, e implicará un incremento do valor catastral dos inmobles que sexan obxecto de regularización e tributará polo IBI que lle corresponda por estes bens.

Na comunicación que envía a Dirección Xeral do Catastro ven detallada a regularización correspondente, o número de inmobles, os metros cadrados, o valor catastral, etc. Os propietarios/as poderán formular as alegacións que estimen oportunas no prazo de 15 días hábiles desde o día seguinte o da comunicación.

Para iso deberán enviar as alegacións á Xerencia Rexional do Catastro de Galicia- A Coruña; rúa Comandante Fontanes, número 7, 15071, A Coruña. Para calquera dúbida os veciños/as poderán poñerse en contacto co Catastro chamando ao número de teléfono 981 16 13 72 ou enviando un correo electrónico á dirección: gerencia.galicia@catastro.minhap.es. Tamén se pode utilizar a liña directa do Catastro: 902 37 36 35 (tamén no 91 387 45 50).

8 de outubro de 2015 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.