O goberno de Ames convoca unha xuntanza para falar cos hostaleiros da ocupación do espazo público con mesas e cadeiras
O Concello de Ames, a través da concellaría de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, convocou unha reunión cos representantes das catro asociacións empresariais de Ames e co persoal que traballa no sector da hostalería para falar da ocupación do espazo público con mesas e cadeiras. Esta reunión celebrarase este mércores, 28 de outubro, ás 16:30 horas, no salón de plenos do Concello de Ames.
Con respecto a recente comunicación feita aos establecementos de hostalaría no referente a ocupación do espazo público con mesas e cadeiras, a concellaría de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica convoca aos representantes das catro asociacións empresariais de Ames (Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro, Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, e Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar) e aos hostaleiros que queiran acudir, a unha reunión cos departamentos municipais implicados.
A concelleira de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González, explica que “o obxectivo destas reunión é atender e responder todas as preguntas e dúbidas que teñan os profesionais do sector hostaleiro e os representantes das asociacións empresarias do concello sobre a ocupación dos terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa”.











