O goberno da Coruña fai cumprir a normativa vixente e limita a utilización de herbicidas na vía pública

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Concellería de Medio Ambiente vén de comunicar as empresas concesionarias de xardinería e limpeza que traballan na cidade a aposta do Goberno local por limitar o uso na vía pública de herbicidas, principalmente aqueles que conteñen glifosato. A titular deste departamento, María García, explica que “con esta medida o Executivo dá cumprimento á normativa vixente sobre o uso destes produtos”, recollida no Real Decreto 1311/2012.

“Isto comunicóuselle ás empresas concesionarias do mantemento de parques e xardíns e de limpeza viaria para que non utilizasen este tipo de compostos sen ter unha autorización municipal expresa, tal e como recolle a normativa vixente a nivel estatal”, explica García. Ademais, o departamento de Medio Ambiente levou a cabo reunións cos representantes dos e das traballadoras destas entidades, para explicarlles a necesidade de adoptar estas medidas.

A intención da Concellería de Medio Ambiente é lograr que A Coruña teña a consideración de “cidade libre de tóxicos”. Con ese obxectivo está a enfocar as súas políticas “cara ao fomento da biodiversidade urbana, a renaturalización e o manexo ecolóxico e sostible dos parques e zonas verdes da cidade”. Ademais, “a consecución deste obxectivo traería aparellada unha rebaixa no custe económico do mantemento destes espazos”.

7 de outubro de 2015 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.