O filme “A Esmorga” proxéctase na Casa da Cultura de Milladoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este sábado, 17 de outubro, ás 20:00 horas, a proxección de “A Esmorga”. Baseada na novela de Eduardo Blanco Amor, a película está dirixida por Ignacio Villar e interpretada nos seus principais papeis por Karra Errejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán Morris. O veciño de Ames, Pepo Suevos, tamén forma parte do elenco. O filme, nominado ao premio de mellor guión adaptado na edición dos Premios Goya de 2014, narra 24 horas na vida de tres compañeiros de farra. Logo deste primeiro pase en Bertamiráns, a Esmorga chegará ao Milladoiro o sábado 31 de outubro. En ámbolos dous casos o prezo das entrada é de cinco euros.

A novela de Eduardo Blanco Amor na que se basea a película de Ignacio Villar, foi publicada en Buenos Aires en 1959 e en Galicia en 1970. Foi unha das primeiras novelas galegas de posguerra e marcou un fito na historia da literatura galega. O libro foi adaptado tamén ao teatro e traducido a varias linguas. A historia está ambientada na cidade de Ourense, lugar onde se rodou a película, e onde transcorre a noite de troula dos tres personaxes principais: Cibrán o Castizo, Xanciño o Bocas, e Aladio Milhomes, que botan de bebedela un día enteiro e máis a súa noite, unha noite que rematará traxicamente co falecemento de dous deles e o axuizamento do terceiro.

O filme, que ten unha duración de 111 minutos, está interpretado polos actores galegos Miguel de Lira, Antonio Durán “Morris”, Ledicia Sola, Sabela Arán, Monti Castiñeiras, Mela Casal, Santi Prego, Alfonso Agra, Mónica García, Elena Seijo, Covadonga Berdiñas, Lois Soaxe, Amelia Guede e Melania Cruz. Tamén forman parte do elenco Karra Elejalde e o veciño de Ames Pepo Suevos.

Da adaptación do guión encargáronse Carlos Asorey e o propio director da película, Ignacio Vilar. A música é de Zeltia Montes e a dirección de fotografía correu a cargo de Diego Romero.

A Esmorga é unha coprodución de Vía Láctea Filmes, Editorial Galaxia e TVG. En Ames proxectarase dúas veces: o sábado 17 de outubro en Bertamiráns e o sábado 31 do mesmo mes no Milladoiro. O prezo da entrada é de cinco euros.

16 de outubro de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.