O Festival de Cine Internacional de Ourense incorpora á programación dúas novas seccións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

A vixésima edición do Festival de Cine Internacional de Ourense incorpora dúas novidades coas que fornece a programación e que consisten en senllos ciclos titulados Cinemas de Galicia e XX Aniversario, respectivamente. Froito da colaboración da colaboración entre o OUFF e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) preséntase este ano este ciclo, co que se pretende apoiar a distribución dos filmes galegos máis recentes. Son primicias do novo catálogo que sairá á rúa no próximo mes de novembro. Así, en dobre sesión estrearanse a longametraxe de animación Bruxerías e o documental Os días afogados.

– Bruxerías (Galicia, 75 minutos). De Virginia Curiá. Malva é unha rapaza abducida por calquera novidade tecnolóxica que aparece no mercado. Vive coa avoa nunha caravana onde se venden herbas e preparados tradicionais de menciña natural. Estas fórmulas son obxecto de desexo de Rufa, dona dunha fábrica de cosméticos.

– Os días afogados. (Galicia. 84 minutos). Documental de César Souto Vilanova e Luis Avilés Baquer. Pre estrea. Este documental achéganos á tráxica historia de dous lugares que quedaron mergullados pola construción dun encoro.

O segundo ciclo novidoso está adicado o vixésimo aniversario do Festival. Vinte anos dan para moito e merecen unha pequena homenaxe e ademais de pór en valor a traxectoria do certame, é unha forma de recoñecer as obras presentadas ao longo da historia cinematográfica destas dúas décadas, xa que en todas estas edicións pasaron pola cidade valiosos directores e polas pantallas magníficas películas. Este ciclo quere render tributo a algún títulos galardoados no seu día, entre eles o inesquecible León y Olvido, do ourensán Xavier Bermúdez; Contra la pared e Caché (Escondido).

– Contra la pared, de Faith Akin, que foi Premio Calpurnia á mellor película en 2004. Despois de se intentar suicidar, Cahit, un turco-alemán de corenta anos, alcohólico e toxicómano, foi ingresado na planta de psiquiatría, mais non consegue afacerse a durmir sen drogas nin alcohol.

– León y Olvido, de Xabier Bermúdez, que tamén en 2004 obtivo o premio ao mellor director, ao que se sumou o de Marta Larralde como mellor actriz. León e Olvido son irmáns xemelgos e orfos. León ten síndrome de Down, e Olvido, cuxas relacións sentimentais non van nada ben, tivo que deixar os estudos e pórse a traballar. León pretende acaparar a atención da súa irmá. Os sentimentos que os unen e enfrontan son moi intensos por ambas partes ata que un día aparece nas súas vidas Damián.

– Caché (Escondido), de Michael Haneke. Georges é o típico burgués: presenta un programa literario na televisión e leva unha vida acomodada coa súa muller e o seu fillo adolescente. Pero, de súpeto, comeza a recibir uns paquetes anónimos que conteñen cintas de vídeo, gravadas dende a rúa, e uns debuxos desacougantes cuxo significado é un misterio. Aínda que en Ourense non obtivo premio, si que foi galardoada en San Sebastián, onde en 2005 levou o premio ao mellor director e o prestixioso FIPRESCI, que concede a prensa especializada.

SESIÓNS ESPECIAIS

Nesta sección, xa tradicional, inclúense os traballos que pola singularidade e interese, ou por estaren ligados a determinadas actividades paralelas e colaboracións do festival, necesitan un espazo propio.

– Ourense: ICC Week. 30 minutos. De Kambio Studio. Documental con conversacións sobre o panorama actual da industria cultural e creativa, organizado pola Deputación de Ourense.

– Neuro. 94 minutos. Gonzalo G. Palmeiro. Oliver é un prestixioso médico no campo da neuroloxía experimental. O mesmo día no que a súa muller, Nora, sofre un accidente de coche sen aparentes consecuencias, Oliver comeza a ter unhas enigmáticas visións. Pouco despois, Nora desenvolve unha patoloxía descoñecida que afecta progresivamente á súa consciencia.

28 de outubro de 2015 | 11:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.