publicidade hoxe

O dúo de gaita e piano Quodlibet actúa no Ateneo Santa Cecilia de Marín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

O gaiteiro Felipe Rea Otero e a pianista Andrea García González, que forman o dúo Quodlibet, actuarán esta semana nos ‘Venres do Ateneo’. Na actuación, ás 21:00 horas no local do Ateneo Santa Cecilia de Marín, ámbolos músicos ofrecerán un repertorio que combina música tradicional e académica, xunto con composicións de creación propia.

Formado en 2011, o dúo Quodlibet ten actuado xa con enorme éxito en diversas localidades galegas escenificando o seu proxecto de “mixtura” entre o folclore galego e a música clásica. A gaita e o piano forman un binomio cargado de connotacións históricas e formativas.

Sobre os artífices de Quodlibet, Andrea García formou parte do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, gañou en 2005 o primeiro concurso do Conservatorio de Música en solitario profesional de Ferrol e en 2009 foi seleccionada para actuar como solista coa orquestra do Conservatorio de Música da Coruña. Tamén colaborou coa Orquestra Gaos e coa Orquestra Nacional da Nova España, ademais de participar en concertos por toda Galicia.

O ‘gaiteiro de Estribela’, Felipe Rea, ten unha longa traxectoria como intérprete e mestre de gaita, compositor e investigador da cultura musical galega. É o profesor de gaita do Ateneo Santa Cecilia, ademais de impartir clases noutras localidades. Dende A Ghaita do Avó ata Trompos os pés, pasando por Gandaina, son varios os grupos nos que ten participado, tras formarse no Conservatorio Superior de Vilagarcía e con profesores como Francisco Landín Pazos.

Precisamente, Felipe Rea traballa actualmente nun documental sobre a vida e a obra deste músico e compositor marinense, director da Banda de Música de Marín dende os anos 50 e fundador en 1960 da primera escola de gaitas da vila, que daría lugar á banda infantil de gaiteiros “Os de Marín”.

Os ‘Venres do Ateneo’ continuarán este mes coas actuacións do dúo de acordeón e clarinete Xonxas, o guitarrista Jesús Vidal e o mago Carlos Tomico. O público accede aos espectáculos achegando un donativo de 3 euros no caso dos socios do Ateneo Santa Cecilia; 4 euros os non socios.

EXPOSICIÓN

Por outra parte, a sala de exposicións do Ateneo Santa Cecilia acolle ata o 15 de outubro unha mostra de fotografías en soporte cerámico de José Gago, que se completa cunha selección de técnicas de pigmentación realizadas por Isabel Domínguez.

Fotógrafo experimental e ensaísta, o marinense José Gago é o derradeiro fabricante a nivel estatal de produtos químicos para fotografía en branco e negro. Dende que a principios dos anos 60 adquirira a súa primera cámara fotográfica, foi forxando unha ampla e prestixiosa carreira: estudo fotográfico en Marín, proxectos de colaboración con Kodak, elaborador de produtos para fotografía de alta calidade e fotografía de autor, asesor en materia de restauración fotográfica…

A súa obra expúxose en numerosas cidades galegas e do resto de España, ademais de impartir talleres en museos e universidades, e publicar libros e artigos en revistas especializadas. Por este brillante percorrido profesional foi recoñecido coa mención de honra da Federación Internacional de Arte Fotográfica, entre outras distincións.

7 de outubro de 2015 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.