O DOG publica o acordo do inicio do procedemento de disolución da Cámara de Comercio de Ferrol
A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se acorda o inicio do procedemento da disolución da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol.
En dita resolución da Dirección Xeral de Comercio desígnase como administrador independente da Cámara ferrolá á empresa Landwell-Pricewaterhousecoopers Tax & Legal Services SL, que resultou beneficiaria do correspondente contrato de servizos adxudicado mediante procedemento aberto.
Tal e como se recolle no DOG, as abrigas do administrador independente ordénanse nunha fase inicial de determinación do inventario de activos e da relación de créditos e acredores, e nunha segunda fase de liquidación propiamente dita.
Nesta fase inicial a empresa adxudicataria elaborará, no prazo dun mes desde o seu nomeamento, un inventario que conterá a relación e a valoración dos bens e dereitos da Cámara. Preparará tamén, no prazo máximo de 45 días desde o nomeamento, unha relación de acredores e dos seus respectivos créditos fronte á cámara. Neste sentido, na resolución que se publica hoxe chámase aos posibles acredores para que, no prazo dun mes contado a partir de mañá, poñan en coñecemento do xestor a existencia de créditos ao seu favor.
Chegado o momento, e tal e como marca a normativa, abrirase un prazo para que as restantes cámaras de Galicia realicen propostas para a asunción das súas funcións, garantindo así o servizo ao empresariado ferrolán. Terase en conta criterios de viabilidade, solvencia e proximidade.











