O DOG anuncia a licitación do novo edificio xudicial de Pontevedra no que se investirá máis de 20 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

A edición do DOG de hoxe publica a licitación das obras de construción do novo edificio xudicial de Pontevedra, despois de que esta fose aprobada onte mesmo polo Consello da Xunta. As ofertas poderán enviarse ata o vindeiro 9 de novembro á Oficina de Rexistro Xeral e de Información á Cidadanía do Complexo Administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela. Poderán entregarse fisicamente na dita oficina ou a través de correo postal.

O pasado mes de agosto a Xunta ratificou a aceptación dos terreos por parte do Concello de Pontevedra e agora continúa co seu compromiso de axilizar a licitación dos novos xulgados, coa intención de que as obras comecen este mesmo ano.

A obra do edificio xudicial da Parda está programada para ser executada nun prazo de 24 meses, sendo un dos criterios de avaliación a redución do prazo de execución. O importe de licitación é de 19,99 millóns de euros, que sumado ás direccións de obra fan un investimento total no inmoble de 20,7 millóns, un dos maiores investimentos na nosa Comunidade destinado a unha infraestrutura xudicial.

O futuro edificio xudicial contará con máis de 21.000 metros cadrados e espazo para 28 unidades xudiciais. Ademais, agrupará todos os xulgados dispersos agora mesmo na cidade e estará comunicado a través dunha pasarela co actual edificio de xulgados, formando un único complexo.

Ademais, de acordo co disposto na Lei de Racionalización e na guía para unha contratación pública socialmente responsable -aprobada hai un par de semanas pola Xunta-, no prego inclúense unha serie de cláusulas sociais para garantir condicións de traballo digno e fomentar a contratación de empresas de inserción laboral, entre outros asuntos.

2 de outubro de 2015 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.