O DOG anuncia a licitación das direccións de obra do novo edificio xudicial de Pontevedra por 600.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A edición do DOG de hoxe anuncia a licitación das direccións de obra e de execución do novo edificio xudicial de Pontevedra, cun importe total que supera os 600.000 euros entre ambas. En concreto, o importe da licitación para contratar a dirección da obra de construción do edificio será de 388.228 euros; mentres que o destinado á execución da mesma ascende a 231.928 euros.

As ofertas para ambas licitacións poderán enviarse ata o 13 de novembro á Oficina de Rexistro Xeral e de Información á Cidadanía do Complexo Administrativo de San Caetano, en Santiago. Poderán entregarse fisicamente na dita oficina ou a través de correo postal.

Con estes dous novos anuncios, a Xunta de Galicia continúa co seu compromiso de axilizar a licitación dos novos xulgados, coa intención de que as obras comecen este mesmo ano. Hai que lembrar que hai menos dunha semana, o pasado venres, xa se anunciara no diario oficial a licitación das obras, cun importe de case 20 millóns de euros.

Esta licitación, sumada á dirección e codirección de obras de hoxe e á coordinación de seguridade e saúde fan un investimento total de ao redor de 20,7 millóns de euros para o novo edificio xudicial da Parda, un dos maiores investimentos na nosa Comunidade destinado a unha infraestrutura xudicial.

O futuro edificio xudicial contará con máis de 21.000 metros cadrados e espazo para 28 unidades xudiciais. Ademais, agrupará todos os xulgados dispersos agora mesmo na cidade e estará comunicado a través dunha pasarela co actual edificio de xulgados, formando un único complexo.

6 de outubro de 2015 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.