O Concello de Vilagarcía recibirá o martes á directiva do Arosa para falar do uso das instalacións municipais
A reunión solicitada onte pola directiva do Arosa para falar co Concello sobre o uso das instalacións deportivas municipais celebrarase o martes que ven. O goberno local explicaralles as razóns polas que se decide sacar a concurso a cantina do Manuel Jiménez así como a normativa de publicidade en instalacións municipais, poñendo por diante a total disposición de Concello e Fundación Municipal de Deportes a colaborar co Arosa en todo o posible e dentro do que a normativa establece.
O goberno tivo coñecemento esta mañá da cita solicita polo club que preside Manuel Abalo. A intención era fixar a reunión o antes posible, pero dado que hoxe é venres e que o luns é festivo, tivo que deixarse para o martes. Na reunión estará o alcalde, Alberto Varela e o concelleiro de Deportes, Argimiro Serén.
A cantina do Manuel Jiménez foi obxecto de obras durante o verán. A actuación mellorou as dependencias, que agora son pechadas, e reúnen os requisitos para a instalación dunha cafetería que opere de forma estable e dea servizo aos usuarios e público do Manuel Jiménez e do campo e pistas de Atletismo, do mesmo xeito que se fai na cafetería do pavillón de Fontecarmoa. O Concello considera que este é un xeito apropiado para mellorar o servizo, e crear emprego, por iso pta por aplicar o mesmo modelo de concesión, polo que sacará a concurso a explotación da cafetería do Manuel Jiménez, concurso ao que pode presentarse o club Arosa, en igualdade de condicións cos demais clubs que fan uso do Manuel Jiménez e das pistas e de atletismo, así como de calquera persoa que o desexe.
O Arosa mantén a explotación da cantina da Lomba, unha colaboración recollida no convenio co Concello, de igual xeito que as de outros campos municipais (A Pelada, Bamio…).
En canto á publicidade que o club pretendía instalar na viseira da grada de preferente da Lomba, a medida foi suspendida en primeiro lugar por razóns de seguridade e de conservación das instalacións deportivas; posto que pretendían facelo introducindo no campo unha grúa que, con 13 toneladas de peso podería afundir e provocar graves danos nas tuberías dos sistemas de regadío e drenaxe do campo. E en segundo lugar, porque o Arosa nin solicitara permiso ao Concello nin avisara previamente da súa intención.
Pero, a maiores diso e pese a que se poida chegar a algún tipo de acordo, o Concello ten que cumprir e facer cumprir as normas e neste caso en concreto estábanse obviando xa que o Acordo Regulador nº 17 do Prezo Público pola Utilización das Instalacións Deportivas Municipais establece no seu artigo 11, relativo á publicidade, que “a publicidade xestionada polos clubs/entidades deportivas, que se coloque nas instalacións deportivas municipais, será de tipo móbil”.
No mesmo artigo especifícase que “A Fundación de Deportes establecerá en cada intre os espazos reservados a calquera tipo de publicidade”•
Por último, en canto á proposta conxunta de Arosa e Faxilde para o uso preferente do campo de Faxilde tras a realización das obras de instalación de herba artificial que están a piques de iniciarse, o goberno asegura que será valorada e aprobada sempre que sexa posible.
Tanto Concello como Fundación confían en resolver cordial e favorablemente todos estes asuntos.











