O Concello de Vilagarcía recibe 300 solicitudes de axuda para a compra de material escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A convocatoria de axudas municipais para a adquisición de material escolar para alumnos de Educación Infantil pechouse a semana pasada cun total de 301 solicitudes presentadas dentro do prazo estipulado. O Concello reservou unha partida de 8.000 euros para as axudas destinadas a un nivel educativo que as demais administracións non subvencionan. As achegas municipais poderán acadar un máximo de 40 euros para alumnos do primeiro ciclo de Primaria (de 0 a 3 anos) e de ata 60 euros para os de segundo ciclo (de 4 a 6 anos).

A maioría das axudas solicitadas corresponden a nenos e nenas matriculados no segundo ciclo de Educación primaria, un total de 216; mentres que de alumnos do primeiro ciclo recibíronse 85 peticións. .Dos 8.000 euros dispoñibles, 4.500 finánciaos Concellería de Educación e os 3.500 restantes a de Benestar.

Para acceder as axudas os solicitantes deberán cumprir os requisitos que se establecen nas bases da convocatoria e a suma final das mesmas fixarase en función dos criterios socio económicos da unidade familiar.

O prazo de presentación de solicitudes rematou o día 30 de setembro, e xa se informaron e resolveron positivamente un total de 40 peticións cuxa concesión xa foi aprobada pola Xunta Local de Goberno. Ao longo deste mes iranse resolvendo as restantes, a medida que se vaia analizando a documentación.

6 de outubro de 2015 | 10:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.