O Concello de Vilagarcía quere iniciar en novembro as obras urxentes do ximnasio de Rubiáns
Técnicos do Concello de Vilagarcía e da Consellería de Educación visitaron o pavillón do colexio de Rubiáns a efectos de inspeccionar o estado das instalacións e determinar o tipo de actuacións de carácter urxente e imprescindible que hai que levar a cabo para que o alumnado poida utilizar as dependencias este curso. O Concello confía en recibir a vindeira semana a memoria de actuacións concretadas tras a visita para, a continuación comezar a executar as obras coa maior brevidade.
A visita dos técnicos foi un dos acordos adoptados na reunión mantida hai unhas semanas entre os representantes do goberno socialista e da Xunta de Galicia. A inspección realizouse de forma exhaustiva, de feito precisouse de medios do Servizo Municipal de Emerxencias para que os técnicos puideran subir á cuberta do edificio para comprobar o seu estado. Dende arriba veuse que a canaleta de recollida de pluviais está totalmente inservible, atascado e con buratos; e que o problema da acumulación de augas cando chove prodúcese pola escasa pendente do tellado. Tamén se detectaron as fendas por onde filtran as augas ao interior do edificio.
Dado que se trata dunha actuación urxente, os técnicos decidiron que os traballos a realizar de inmediato centraranse no selado e impermeabilización de fendas e na instalación un sistema de cubrición provisional que evite acumulación de auga no tellado ata que o verán que ven, se leve a cono a reforma integral da aula de ximnasia.
Educación comunicou ao Concello que a semana que ven esperan ter rematada a memoria coas medidas realizar xa concretadas polo miúdo. Tamén como se acordou na reunión entre os responsables locais e autonómicos, a actuación acometerase mediante a colaboración de ámbalas dúas institucións. A Consellería de Educación aportará os materiais e o Concello a man de obra.
O concelleiro de Rubiáns, Lino Mouriño, que acompañou aos técnicos na visita ao ximnasio, comentou que a intención do goberno local é poder comezar os traballos a primeira semana de novembro. “Ímoslle dar toda a prioridade a este asunto, porque é de xustiza. Os alumnos non poden celebrar as clases de ximnasia nun pavillón no que chove ou esvaran, e faremos todo o posible por rematar canto antes”.
O edil lembrou que a comunidade escolar “levaba moito tempo sen ser escoitada nunha demanda prioritaria como é a da aula de ximnasia”, polo que, agora que logramos cun compromiso por parte da Consellería para acometer a reforma integral do ximnasio de cara ao curso que ven, dende o Concello estaremos moi pendentes de que se vaian cumprindo cos prazos”.
De feito, os técnicos aproveitaron a visita para tomando notas de cara á elaboración do proxecto de reforma integral. Un dos puntos que se acordou in situ foi estudar a viabilidade de dotar de aseos ás instalacións. Para iso farase un estudo do saneamento co obxectivo de resolver as dificultades que presenta actualmente pola diferenza de cota entre o pavillón e a rede.
Segundo o acordado por Concello e Xunta, o proxecto de obra da reforma integral realizarase durante o curso a efectos de que as obras poidan desenvolverse nas vacacións de verán e os alumnos estrealas co inicio do próximo curso. Outro tema que terán que ir resolvendo previamente as administracións será o do financiamento dos traballos.











