O Concello de Vilagarcía colabora coa plataforma feminista galega na mobilización e difusión da marcha contra as violencias machistas
O Concello de Vilagarcía prestará o seu apoio e colaboración á Plataforma Feminista Galega con motivo da celebración da Marcha Contra as Violencias Machistas cuxo acto central se desenvolverá o día 7 de novembro en Madrid. A través da Área de Igualdade, a administración local difundirá a mensaxe da iniciativa que reivindica que a loita contra a violencia machista sexa tratada como unha cuestión de Estado. Ademais informarase aos vilagarciáns que a Deputación fretará dende Vilagarcía un autobús gratuíto para asistir á marcha de Madrid.
Este autobús partirá o venres, 6 de novembro da explanada TIR, ás 23:30 horas e o regreso a Vilagarcía está previsto para o sábado 7, ao remate da marcha. As persoas interesadas en desprazarse a este acto central do 7M, deben reservar praza chamando ao teléfono 986 866 276.
Na Plataforma Feminista Galega están integradas organizacións sindicais, políticas e feministas. O organismo, que forma parte da Rede Provincial Pontevedra pola Igualdade, pretende chamar máis si cabe a atención sobre a violencia de xénero, unha lacra social que segue medrando e que vai deixando decenas e decenas de mulleres mortas ao ano. Coa Marcha o 7N, o colectivo, pretende que a violencia machista tratada como asunto de Estado centre os debates e sexa unha prioridade nas axendas políticas , a efectos de poñer en práctica medidas de loita contundentes e efectivas.
Sumándose a esta opinión, o Concello despregará unha pancarta reivindicativa da marcha do balcón de Ravella dende as xornadas previas á marcha do 7M e ata o 25N, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Tamén dentro da colaboración do Concello coa PFG, elévase ao Pleno o manifesto da Plataforma.
Non será esta a única iniciativa relacionada con esta grave problemática que a Corporación abordará o xoves posto que ao Manifesto do Consello Local da Muller con motivo do 25N, súmanse as mocións presentadas polo grupos socialista e por Esquerda Unida.
No marco do 25N, a Área de Igualdade que dirixe Tania García Sanmartín, está a piques de pechar a campaña de concienciación e denuncia contra a violencia de xénero que o Concello porá en marcha ó redor desa data e que se dirixe a todos os sectores da poboación.











