O Concello de Vigo mantén en suspenso o mercado do domingo en Bouzas
O Concello de Vigo decidiu manter suspendido o mercado do domingo en Bouzas, segundo confirmou en rolda de prensa este venres o alcalde, Abel Caballero, como medida de “cautela”, tras os incidentes protagonizados hai uns días por vendedores ambulantes de etnia xitana.
O rexedor olívico sinalou que, malia que “hai un clima de tranquilidade” e aínda que “a seguridade está en boas mans”, “é bo que non haxa mercado este domingo”. Non obstante, confirmou que si se celebrará a feira de San Cosme.
Caballero explicou que a decisión sobre o levantamento das suspensións (que afectan ás feiras de Bouzas e Coia) se tomará “en función de como se vaia vendo o clima”.
Segundo indicou, cando haxa un “clima de seguridade total” continuarase esa actividade. “Por riba de todo está a seguridade”, subliñou, e engadiu que quere “ter cautela”.
Mentres, o Concello de Cangas recuperou o seu mercado este venres. Os vendedores instaláronse na alameda e a feira desenvolveuse sen incidentes, con control reforzado por parte da Policía Local, que impediu instalarse algúns feirantes (implicados no altercado de hai dúas semanas) e interveu algunhas armas brancas.











