O Concello de Ourense súmase á conmemoración do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza Extrema e a Exclusión Social
O Concello de Ourense súmase, por primeira vez, á conmemoración do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza Extrema e a Exclusión Social. A concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, presentou hoxe, xunto aos representantes de Cruz Roja (Diego Conde), Cáritas (Oscar Diéguez), Banco de Alimentos (Cecilio Santalices) e Asociación para a Prevención da Exclusión Social (Raquel Crespo), así como cun usuario dos servizos asistenciais, Robinson Alves -quen relatou que estes servizos foron cruciais na súa experiencia vital para saír da situación de exclusión social na que se atopaba-, os actos conmemorativos que se desenvolverán o sábado 17 do Praza do Trigo (lectura de manifesto e pintada de grafitis sobre papel) e no Fogar do Transeúnte (café concerto pola tarde).
A concelleira Sofía Godoy rememorou que o 17 de Outubro de 1987 Joseph Wresinski, sacerdote fránces fundador do prestixioso e moi coñecido Movemento polos Dereitos Humáns, invitou a cen mil persoas de toda procedencia a conmemorar xuntos o primeiro Día Mundial do Rexeitamento á Miseria na praza do Trocadero, en París, lugar onde en 1948 se asinara a Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
Reuníronse alí para render homenaxe ás vítimas da fame, a ignorancia e a violencia. Reafirmaron a súa convicción de que a miseria non é unha fatalidade e proclamaron a súa solidariedade cos que loitan a través do mundo para acabar con ela.
En 1992, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 17 de Outubro “Día Internacional para a Erradicación da Extrema Pobreza e da Exclusión Social”. Desde entón, diferentes gobernos, autoridades locais, membros da sociedade civil e do sector privado recoñeceron a importancia de este Día, grazas a iso hoxe o 17 de Outubro converteuse nunha reunión crucial para un crecente número de cidadáns de todas as orixes e de todo tipo de organizacións que traballan activamente para a erradicación da extrema pobreza.
“A cidade de Ourense quixo sumarse por primeira vez ao crecente recoñecemento outorgado a esta Xornada na que se invita a todos os cidadáns a deixar constancia da súa solidariedade, xa sexa de forma individual ou a través da súa participación nunha organización. Coa creación de novos espazos e oportunidades de encontro, esta Xornada revela que o cambio é posible”, afirmou a concelleira de Asuntos Sociais.
“Non deixar a ninguén atrás: pensar, decidir e actuar xuntos contra a pobreza extrema”. Este é o lema co que o Concello de Ourense quere que todos os ourensáns se unan, “se fagan eco deste día a prol dos máis indefensos, dos máis pobres, e debemos conseguir que aqueles que non queren oílo o oigan, que aqueles que deben axudar a conseguilo escoiten, que aqueles que impiden conseguilo o perciban, porque estamos convencidos e decididos a conseguilo”, proclamou Sofía Godoy.
O Concello de Ourense non pode ser alleo a esta realidade e por iso o sábado, 17 de outubro, ás 11, darase lectura na Praza do Trigo ao Manifesto do Día Internacional para a Erradicación da Extrema Pobreza e da Exclusión Social e realizaremos Graffitis sobre papel alusivos ao lema do Día: “Non deixar a ninguén atrás: pensar, decidir e actuar unidos contra a pobreza extrema”.
Xa pola tarde, a partires das 18h, haberá un Café-Concerto no Fogar do Transeúnte a cargo de Diego Peraita, cantante da Banda Connectica, quen amenizará esta xornada con algunhas cancións propias e interpretará o tema estrela diste Día Internacional titulado “El grito de mi generación” cuxos autores Dani Martín (El Canto del Loco), Marcos Cao (La Sonrisa de Julia) e Juan Suárez (El Sueño de Morfeo), cederon á ONG chamada Alianza Española Contra la Pobreza.
Por último, Sofía Godoy concluiu facéndose eco das palabras do pai Joseph Wresinki, que resumen o espírito deste día: Alí onde hai homes condenados a vivir na miseria, os dereitos humanos son violados. Unirse para facelos respectar é un deber sagrado”.











