O Concello de Ourense reivindica o emprego do galego na empresa como valor engadido da personalidade corporativa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Unha vintena de empresarios representativos de diferentes sectores da economía ourensá e galega acudiron esta mañá ao salón de plenos do Concello de Ourense para celebrar o Día da Galeguidade Empresarial, acto promovido polo Foro Enrique Peinador e que presidiron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente do Foro, Xosé García. Este ano, a figura homenaxeada era o propio Enrique Peinador, impulsor das augas de Mondariz.

Nun acto ao que tampouco quixeron faltar os representantes dos grupos políticos da corporación municipal, destacouse o intenso papel a prol da lingua de empresas senlleiras da economía galega como Zeltia, Pescanova, Castromil ou Cuevas. As empresas “xogan un papel fundamental no desenvolvemento e na configuración de pobos e cidades”, declarou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quen animou os presentes a “identificarse cos elementos lingüísticos que definen a nosa sociedade para reforzar o discurso da personalidade corporativa”.

“Galicia precisa de empresarios que comprendan a realidade sociolingüística, que dean un paso adiante e incorporen a súa lingua e a súa cultura aos seus negocios, conciliando o mundo empresarial e económico coa defensa dos valores culturais e lingüísticos propios da terra”, dixo o rexedor ourensán.

O secretario xeral, que agradeceu o feito de celebrarse o acto en Ourense, “cidade emblemática da economía galega”, redundou na idea de que “todo pode funcionar en galego e darnos un valor identitario”. Neste sentido, apelou á “confianza que nos dan as marcas e as etiquetas que empregan o galego” para animar os presentes a incorporar “a lingua e a cultura galega como parte da empresa”.

28 de outubro de 2015 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.