O Concello de Ourense coñeceu un mes despois o primeiro caso de lexionela no servizo de limpeza
O Concello de Ourense coñeceu a existencia do primeiro caso de lexionela entre o persoal da empresa concesionaria da limpeza un mes despois de que se producise. En total, Sanidade detectou dous casos, ambos fóra de perigo e un deles xa dado de alta.
Polo momento, o Concello segue á espera do que Sanidade dispoña en relación cos 20 vehículos da empresa concesionaria da Limpeza, Ecourense, inmobilizados desde o pasado venres tras detectarse que a empresa non cumprira os requirimentos feitos anteriormente tras o primeiro caso de lexionela do que a Xunta tivo coñecemento en setembro.
O edil de Medio Ambiente afirmou este luns que “os vehículos quedarán así (inmobilizados) ata que a empresa entregue no Concello de Ourense os certificados de realizar a desinfección química que se lle ordenou para erradicar totalmente o risco de lexionela”.
Paralelamente, “o expediente” aberto polo Concello “continúa aberto”. O Consistorio está “á espera do que digan as autoridades sanitarias”, coas que existe colaboración e diálogo “en todo momento e desde o principio” cando “tivo constancia dos feitos”.
UN MES DESPOIS
Con todo, o portavoz do goberno municipal que compareceu este luns ante os medios (en ausencia do alcalde), e ao que acompañou o técnico municipal responsable de Infraestruturas, Ismael Méndez, recoñeceron que o Concello tivo coñecemento do primeiro caso de lexionela polo menos un mes despois de que se producise.
Segundo Ismael Méndez, o Concello tivo coñecemento oficial do feito o 1 de outubro, aínda que verbalmente comunicóuselle o día anterior, pero o primeiro caso “debeu producirse a primeiros de setembro ou finais de agosto”.
Unha vez que os vehículos da limpeza de rúas, beirarrúas e prazas da cidade superen a desinfección química que Sanidade ordenou e o Concello teña no seu poder o correspondente certificado, como medida precautoria o Concello de Ourense seguirá suprimindo a auga sen tratar ou auga bruta nestas tarefas.
Segundo José Araujó, “seguiremos traballando con auga clorada até ver se o problema é da auga bruta ou dos mecanismos do seu tratamento e do propio proceso de limpeza”.
XUNTA DE PORTAVOCES
Así mesmo, incideu en que “o Concello traballa con cautela” e “non pretende alarmar á cidade”. Tamén anunciou que o alcalde convocará este martes xunta de portavoces para comunicar a situación a todos os grupos que conforman a Corporación Municipal e analizar a situación, pendente de fixar hora.
O portavoz do Goberno municipal subliñou que, ademais, “este Goberno non terá inconveniente de falar co comité de empresa”, como “xa fixo en ocasións anteriores”.











