O Concello de Ourense comprométese a manter informados aos grupos políticos sobre o expediente polos contaxios de lexionella

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

O Concello de Ourense deu conta, na xunta de portavoces dos grupos con representación no pleno celebrada esta mañá, da intensa xornada de reunións coas partes afectadas nos casos dos contaxios por lexionella dentro do Servizo Municipal de Augas. O voceiro do grupo popular, José Araújo, insistiu en que se está a recabar “a máxima información posible sen crear ningún tipo de alarma” e que se informará puntualmente a todos os grupos segundo avancen as pesquisas.

“A petición nosa convocamos a responsable territorial da Consellería de Sanidade e o comité de empresa de Ecourense -concesionaria do servizo- para facer acopio de toda a información”, dixo Araújo, non sen lembrar que “o Concello non ten competencias en Sanidade, así que estamos a disposición da Xunta e reuníndonos con Viaqua para darlle solución ao tratamento de augas brutas”.

O grupo de goberno transmitiulle aos grupos da oposición a apertura dun expediente para recompilar información e poñerse mans á obra canto antes. Respondendo ás críticas da oposición, José Araújo lamentou que a información non fose todo o fluída que cabía esperar, pero que non se quixeron crear alarmas sanitarias sen recabar todos os datos posibles.

As vindeiras datas servirán para recibir as últimas análises por parte da Concellería de Sanidade, noticias que se irán engadindo ao expediente informativo aberto e transmitindo puntualmente a todos os grupos. No tocante á saúde dos afectados, Araújo celebrou que, segundo as informacións da propia empresa, se atopan en perfecto estado de saúde.

27 de outubro de 2015 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.