O Concello de Mos contrata a 30 novos traballadores mediante unha axuda da Deputación
O Concello de Mos continúa coa súa intensa aposta polo fomento do emprego mediante a contratación de 30 traballadores de distintas categorías, segundo informaron hoxe alcalde P.D. mosense, Alberto Méndez e a e a concelleira mosense de Política Social e Persoal, Sara Cebreiro. A administración local poderá contratar a esta trintena de traballadores gracias a unha subvención de 58.390,80 euros, concedida pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do II Plan de Conservación e Funcionamento de Bens e Servizos Municipais 2015. As funcións para as que se contratarán ós traballadores consisten en servizos de interese xeral e social.
Os 30 traballadores divídense en 6 categorías do seguinte xeito: 6 axudantes teitadores de asfalto, 11 peóns operarios de conservación de parques e xardíns, 7 axudantes operarios mantedores de edificios, 2 axudantes instaladores de tubos para a conducción de gavias en xeral, 3 peóns operarios limpadores-mantedores de piscinas e un auxiliar administrativo. O período de contratación será de dous meses.
Os requisitos que debían cumprir as persoas candidatas a estes postos eran ser desempregados non perceptores de ingresos, ou perceptores de prestacións sociais destinadas a garantir os recursos económicos mínimos de subsistencia, tales coma o RISGA, RAI, PREPARA ou similares. A contratación dos traballadores realízase directamente a través do Servizo Público de Emprego, SEPE, que é quen se encarga de preseleccionar ós candidatos.
Todos os contratos dos 30 traballadores deberán estar iniciados a principios do vindeiro mes de novembro (con data 01/11/2015). Con esta acción súmase un paso máis á loita contra o desemprego en Mos, que é, se cabe, máis importante aínda ó tratarse de veciños e veciñas sen ningún tipo de ingreso.
Méndez, alcalde en funcións de Mos, manifestouse satisfeito e optimista ante o índice do desemprego en Mos, que espera que “con accións coma esta de contratación de novos traballadores para o Concello e o repunte que parece que está a experimentar a economía a nivel nacional, as cifras do paro comecen a descender radicalmente”, dixo.











