O Concello de Lalín procede á eliminación do vertedoiro ilegal de Zobra

Retirada do vertedoiro ilegal
Operarios do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo desprazáronse hoxe á parroquia de Zobra para proceder á eliminación dun vertedoiro incontrolado, tal e como estaba previsto dentro das actuacións que o Concello puxo en marcha para a detección e erradicación deste tipo de basureiros. Coa desaparición deste punto de contaminación deuse o primeiro paso para acadar o obxectivo final da campaña, que persegue pór fin, dunha vez por todas, á presenza deste tipo de vertidos. Non obstante, tal e como salientou a concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, “o proceso será longo, complexo e custoso”, debido á gran cantidade de vertedoiros localizados e ás dificultades loxísticas que entraña a súa limpeza.
Tanto Alonso como o concelleiro de Rural, Miguel Medela, estiveron presentes durante os traballos de retirada do lixo nos que foi necesario empregar unha escavadora e un camión debido á enorme cantidade de lixo presente no lugar. Entre outros materiais, detectouse a presenza de grandes volumes de cascallos, plásticos, refugallos metálicos así como de mobles e incluso restos vexetais procedentes de limpeza de fincas ou hortas. As toneladas de lixo provocaron que os traballos de limpeza se estendesen durante varias horas ao longo da mañá.
Celia Alonso foi tallante á hora de denunciar a actitude “insensible e irresponsable daqueles que ensucian o concello deste xeito”, e anunciou, neste senso, que “se intensificará a vixilancia, contando coa colaboración cidadá para que non se sigan producindo este tipo de verteduras”. A concelleira non descartou poñerse en contacto con Seprona para demandar unha maior implicación por parte deste corpo da Garda Civil á hora de realizar tarefas de control. Tamén indicou que na nova ordenanza medioambiental, na que se está a traballar, se establecen sancións para aquelas persoas que sexan identificadas como causantes dun vertido. Por outra parte, lamentou que “as inconsciencias dalgúns as teñan que acabar pagando todos os veciños”, dixo en referencia aos gastos producidos na retirada do lixo, apuntando, ao mesmo tempo, que “de continuar a súa proliferación non quedará máis remedio que tomar medidas que quizais non gusten”.
Alonso volveu apelar á colaboración cidadá e recordou que Lalín conta cun servizo de Punto Limpo que se atopa no polígono e que todos poden empregar, levando alí os artefactos ou chamando ao teléfono 986 79 44 20 para que pasen a recollelos”. “É preferible e moito máis cómodo que cargar cun sofá ata o monte e degradar incomprensiblemente un espazo”, finalizou.











