O Concello de Lalín inicia unha campaña de detección e eliminación de vertedoiros incontrolados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Vertedoiro en Zobra

Vertedoiro en Zobra

O concello de Lalín, a través da concellería de Medio Ambiente, puxo en marcha unha campaña de detección e erradicación de vertedoiros ilegais incontrolados. A edil responsable do departamento, Celia Alonso, leva semanas traballando con membros da súa área na planificación do programa de eliminación das verteduras, despois de térense detectado numerosos puntos de contaminación diseminados por diferentes zonas do municipio. O proxecto encádrase como un dos obxectivos a cumprir ao longo da lexislatura, no marco da loita pola recuperación e posta en valor dos entornos naturais do Concello que, en moitos casos, non se encontran nas mellores condicións, froito de anos de deficiente xestión neste eido por parte do anterior equipo de goberno.

As actuacións para retirar os vertidos ilegais comezarán, segundo explicou Alonso, “de xeito inminente”, apuntando ao mesmo tempo que “serán tarefas complexas e dun custo considerablemente elevado”. Os gastos derivados da retirada do lixo “que lamentablemente pagaremos todos os lalinenses debido á pouca sensibilidade dalgúns”, débense á gran cantidade de material a recoller e ás propias dificultades loxísticas xurdidas das actuacións. Os vertidos están constituídos por refugallos sólidos, atopándose nos mesmos gran cantidade de residuos voluminosos, coa presenza pneumáticos, materiais plásticos de todo tipo, ademais de mobles e outros enseres da mesma natureza.

Na localización das verteduras colaborou a recentemente dividida consellería de Medio Rural e do Mar, quen lle cedeu ao Concello ás coordenadas exactas nas que se atopa o lixo. Estas aparecen en zonas rurais, espazos naturais, bordes de estradas e vías pecuarias, detectándose basureiros nas parroquias de Santiso, en dous puntos diferentes da parroquia da Xesta, no lugar de Pozo Negro, en Catasós, na Borralla, preto de Ponte Taboada, na parroquia de Prado, e en Zobra. Este último vai ser un dos primeiros en eliminarse por parte dos servizos municipais nus traballos nos que xa colaboraron os veciños da parroquia, reunindo o lixo encontrado noutros puntos no mesmo lugar. Non obstante, prevese localizar co paso do tempo máis vertidos que será necesario erradicar.

Celia Alonso falou da problemática ambiental histórica provocada polos vertedoiros ilegais  que proliferan por zonas rurais e interurbanas de Galicia e da que Lalín non é un municipio alleo. Neste senso, a concelleira manifestou a súa “preocupación por esta lacra de enorme custe ambiental que ensucia e dana gravemente o medio”, e, porén, solicitou concienciación e a colaboración da cidadanía para pór fin á situación, instando a todos os lalinenses “a non depositar lixo e informar ás autoridades pertinentes ou ao Concello no caso de descubrir a presenza de novos puntos de suciedade”. Emporiso, tamén recordou que “Lalín conta cun servizo de Punto Limpo  que se atopa no polígono e que todos poden empregar, levando alí os artefactos ou chamando gratuitamente ao teléfono 986 79 44 20 para que pasen a recollelos”.  “É preferible e moito máis cómodo dar uso do mesmo que cargar cun sofá ou cun colchón para levalo ao monte e degradar inconcebiblemente un espazo natural”, finalizou a concelleira responsable de Medio Ambiente. 

7 de outubro de 2015 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.