O Concello de Lalín activará unha campaña para promover o empadroamento na vila
O Concello de Lalín porá en marcha nas próximas semanas unha campaña informativa para promover o empadroamento en Lalín. Con esta iniciativa preténdese concienciar á xente da importancia de estar censados para que a vila poida manter a categoría dos 20 mil habitantes.
Acadar este obxectivo foi unha das prioridades que se marcou o Goberno local tras tomar posesión o pasado mes de xuño. Nesa data o alcalde alertou sobre a posibilidade de que o concello perdese a categoría poboacional xa que as estimacións do Instituto Nacional de Estadística (INE) prevían unha poboación de 19.882 persoas a final deste ano.
Ante estas perspectivas o Concello púxose a traballar dende o primeiro momento para tratar de invertir a tendencia. As actuacións desenvolvidas en colaboración cos funcionarios municipais permitiu que o municipio estea agora mesmo situado nun escenario no que as expectativas son algo máis alentadoras.
“Queda un trimestre decisivo para acadar ese obxectivo”, apunta Rafael Cuíña, “e temos que facer todo o posible para que a xente se conciencie da necesidade de estar censados en Lalín”. “É moito o que nos xogamos e precisamos da implicación de todos porque salvar a categoría é un gran obxectivo común”, afirma o alcalde antes de engadir que “teñen que ser tamén os propios veciños os que fagan pedagoxía cos seus familiares e amigos para que Lalín sume habitantes”.
A crise demográfica é unha das principais causas deste problema, pero tamén hai moita xente que traballa e vive en Lalín malia estar censada noutros municipios. “É a estes aos que temos que dirixirnos e conciencialos da importancia de que se empadroen no noso concello”, afirma Cuíña. O alcalde insiste, iso si, en que “non se trata de presionar a ninguén, senón de facer pedagoxía e acadar a implicación do maior número de persoas neste proxecto común que se chama Lalín”.
Á marxe de activar esta campaña, Rafael Cuíña xa convidou en meses pasados aos empresarios do municipio a que fagan “pedagoxía entre os seus empregados para conciencialos da importancia de estaren censados en Lalín”. Finalmente reiterou que “o do empadroamento é un tema que me ten fondamente preocupado porque as consecuencias para o municipio poden ser moi graves, pero eu non me vou a render e non vou dar por perdida a categoría”.











