publicidade hoxe

O Concello de Carballo, a SD Sofán e Cruz Vermella unen esforzos nunha cea baile benéfica en Punta del Este a prol dos refuxiados sirios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Presentación do evento solidario

Presentación do evento solidario

A SD Sofán organiza coa colaboración do Concello de Carballo e Cruz Vermella unha cea baile benéfica e solidaria a prol dos refuxiados sirios. A cita terá lugar o sábado 14 de novembro no Restaurante Punta del Este a partir das 21.00 horas e o prezo da entrada é de 25 euros para adultos e de 12 euros para nenos e nenas de ata 12 anos. Ricardo Serrano, Presidente da SD Sofán, explica que a iniciativa xurdiu para “axudar aos refuxiados, que escapan nada máis e nada menos que dunha guerra”.

A entidade espera que os socios e socias, así como os colaboradores habituais da entidade, se sumen a esta cita e participen coas súas achegas. Así, durante a cea haberá unha urna situada no restaurante destinada a recoller as doazóns dos e das asistentes e todo o diñeiro recadado irá destinado integramente para o labor de axuda aos refuxiados de Cruz Vermella. Tamén é posible realizar achegas antes do día da cea na sede de Cruz Vermella, na sede da SD Sofán e mesmo nos puntos de venda de entradas, que son os seguintes: Taberna O’Patacón, Bar O Mexillón, Tasca A Cova, Bar Canducho de Sofán, Farmacia de Sofán e Restaurante Punta del Este. Matilde Anido, presidenta da Asemblea Local de Cruz Vermella, afirma que tamén se rifarán alguns agasallos o día da cea entre os asistentes, xa que cada entrada levará impreso un número para a rifa. Anido espera que a xente responda á convocatoria, xa que “todos somos humanos e é doloroso ver a esta xente pasándoo tan mal”.

O Alcalde, Evencio Ferrero, asegura que “o conxunto da sociedade temos que poñerlle freo a este tipo de situacións sendo solidarios”.
A presentación da iniciativa tamén serviu para introducir á nova coordinadora de Cruz Vermella en Carballo, Ana Veira, que aclarou a que fin irán destinados exactamente os fondos recadados. Sinala que Cruz Vermella mantén abertas dúas liñas de actuación, e os cartos repartiranse entre elas: por un lado, a través do programa en España de axuda integral aos refuxiados que residen no noso país; e, por outro, co envío de axuda aos comités de Cruz Vermella situados nos países que están acollendo aos refuxiados preto das fronteiras de Siria, xa que o 80 por cento son países en vías de desenvolvemento. Respecto dos fondos, ademais do que se deposite in situ na urna o día da cea, a organización espera conseguir a participación do maior número posible de persoas para así poder baixar o prezo do menú e conseguir que tamén parte da entrada sirva para axudar aos refuxiados.

Evencio Ferrero desexou que a sociedade de Carballo e de toda a Costa da Morte se sume a este “xesto de solidariedade”, ao igual que o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, que espera que iniciativas coma esta “axuden a construír unha sociedade mellor” e que se repitan no futuro para poder axudar tamén noutras problemáticas. Matilde Anido foi a encargada de pechar a presentación desta cea baile, cun chamamento para que “non nos odiemos tanto e non esteamos sempre pelexando uns contra outros”.

30 de outubro de 2015 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.