O Concello de Bueu tramita a licitación para a xestión do catastro e dos expedientes de tráfico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

A partir de mañá, e durante 15 días, esténdese o prazo de presentación de solicitudes para a licitación do servizo de colaboración na xestión tributaria, censal, inspectora e recadatoria e na xestión dos expedientes sancionadores en tráfico. A necesidade vén imposta porque en maio do 2016 remata o contrato coa actual concesionaria.

Tal e como consta nos pregos de condicións, o contrato adxudicarase por dous anos, prorrogables por outros dous, e o valor dos dous anos non pode superar os 307.554 euros, nin os 615.108 euros no caso de catro anos, con IVE incluído.  A empresa á que se adxudique este servizo terá que realizar os traballos necesarios de consultoría e asistencia técnica para o desenvolvemento das funcións de xestión catastral incluídas no Convenio de Colaboración subscrito entre o Concello de Bueu e a Dirección Xeral do Catastro con data 5 de xullo de 2012. A estas tarefas, engádese o apoio na xestión e tramitación de expedientes sancionadores en materia de tráfico, que precisan un adecuado seguimento e control, debido ao seu crecente volume  nos últimos tempos.

O Concello vese na necesidade de externalizar estes servizos debido a que non pode facer fronte a eles cos medios propios xa que nos últimos anos se está incrementando o volume de traballo e os medios do Concello non poden facer fronte a el con garantías, tal e como se xustifica na memoria do Concelleiro de Facenda.

29 de outubro de 2015 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.