O Concello de Bueu reunirase cos veciños do edificio Pintos para presentar a ruta a seguir na paralización do desaloxo
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, tentará buscar solucións e falar dos pasos a seguir para a paralización do desaloxo do edificio Pinto, en Loureiro. Ás peticións dos propietarios afectados nas últimas semanas, uniuse onte a lectura dun manifesto por parte do seu representante, José María Alén, na sesión plenaria correspondente ao mes de outubro. Así, nos vindeiros días, en canto poida o asesor xurídico do Concello, o alcalde reunirase cos afectados polo desaloxo do edificio Pintos. Aínda así, tal e como destacou no pleno de onte, Juncal e o seu equipo de goberno confían en que “ao longo destes días se paralice o desaloxo debido a dous recursos presentados”. Hoxe mesmo, desde o Concello preséntase un incidente para que o TSXG tome a decisión de non seguir co proceso de desaloxo ata que teña as suficientes garantías e avais para proceder a indemnización dos veciños, tal e como establece o artigo 108 da Lei Reguladora da Xurisdición Contencioso-administrativa, publicada o pasado 22 de xullo no BOE.
O manifesto foi lido na quenda de rogos e preguntas, pero no pleno tamén se trataron outros asuntos de relevancia para o pobo buenense. Así, aprobouse cos votos a favor do BNG, SON e PSOE e coa abstención do PP a proposta da alcaldía relativa ao alugueiro dun ben inmoble para destinalo a local de oficinas municipal. Esta proposta levouse a pleno por terceira e última vez nas mesmas condicións, xa que o goberno de Juncal agarda que se presente algunha oferta, tal e como se anunciou tamén no pleno do 17 de setembro.
A moción presentada polo grupo socialista sobre a revisión catastral e o IBI non foi aprobada. O grupo liderado por José Manuel Vilas pedía, entre outras cuestións, que o Concello se fixese cargo da taxa administrativa de 60 euros que catastro cobra aos contribuíntes por levar a cabo a regularización catastral deste ano, e que se establecese unha colaboración entre catastro e a Oficina de Xestión Tributaria Municipal.Tal e como deixou claro Félix Juncal a través da lectura dos artigos do decreto que estipula esta regularización catastral, é o Estado o que a está levando a cabo entre 2013 e 2016 polos diferentes Concellos españois, polo que non é competencia do ente municipal a súa xestión. Ademais, “é de xustiza que cada un pague polo que ten, tal e como é a súa obriga” sentenciou Juncal. Con todo, o goberno municipal anunciou que vai incorporar a bonificación no IBI para as familias numerosas, xa que está levando a cabo a modificación de varias ordenanzas fiscais.
Por último, o voceiro do grupo SON deu lectura a unha moción de urxencia para dar apoio ás marchas da dignidade, formadas por colectivos de persoas que levan máis de dous anos mobilizándose a favor das políticas sociais. Por iso se aprobou por unanimidade, ao tempo que se animou a todos os veciños a participar nas mobilizacións que terán lugar o próximo 24 de outubro en Santiago.











