O Concello de Bueu mostra o sue apoio á asociación de propietarios de montes do Morrazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O Concello de Bueu aposta pola colaboración coas proposicións de recuperación dos montes privados e do seu valor económico que piden desde a recentemente creada Asociación de Propietarios de Montes do Morrazo (APMM). Así o manifestou o alcalde de Bueu, Félix Juncal, tras a reunión mantida o pasado mércores cos membros da asociación, os cales lle solicitaron o apoio institucional á súa iniciativa, a colaboración na procura de información, tanto gráfica como sobre propiedade das parcelas, a limpeza de camiños e sinalización que facilite a localización de parcelas, e apoio económico para a axuda da xestión na localización das parcelas. Concienciados do alto valor económico e social que teñen os montes como  fonte de recursos naturais e de sustento de actividades económicas, varios propietarios de parcelas forestais dos Concellos de Bueu e Marín uníronse o pasado xuño nesta asociación que pretende afianzarse nestes dous concellos e chegar despois a Cangas e Moaña.

Nestes momentos a asociación atópase en fase de consolidación, e está levando a cabo a captación de soci@s propietarios de parcelas para potenciar unha xestión conxunta. Félix Juncal coincide con eles en que “se vai recuperar a dignidade e o valor do monte, para que deixe de estar no seu estado de abandono actual e pase a ser xerador de novas oportunidades de emprego e riqueza”. Esta reunión mantívose despois da do 25 de setembro coa alcaldesa de Marín, María Ramallo.

9 de outubro de 2015 | 11:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.