O Concello de Bueu asegura que a precariedade no servizo de limpeza é unha situación transitoria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O Concello de Bueu atópase nestes momentos nunha situación precaria en canto aos servizos de limpeza, algo que se solucionará totalmente cara mediados de novembro. Así o salientaron hoxe o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o edil de obras e servizos, Fidel Castro, quen son conscientes conscientes do déficit de recursos para facer fronte a uns traballos completos de limpeza viaria e de edificios públicos, e xardinaría pero aseguran que o goberno non ten eses servizos desatendidos. De feito, contratouse a unha empresa para facer fronte a estes servizos mínimos durante estas semanas.

Esta situación vén motivada en parte polo retraso no proceso de selección da bolsa de peóns de limpeza. O Concello atópase cun problema loxístico, xa que está estudando un lugar axeitado para celebrar as probas ás que se presentan case 900 persoas. Aínda así, e tal e como avanzou o concelleiro de obras e servizos, tan pronto se celebre o proceso selectivo vaise levar a cabo unha reestruturación dos servizos de limpeza segundo os espazos e os horarios.

O executivo de Juncal recoñece que “esta é unha situación transitoria” que se solucionará coa maior urxencia posible, xa que ás bolsas de selección de peóns por parte do Concello engadiranse ás 15 persoas contratadas cunha subvención da Deputación no marco do II Plan de Conservación. En concreto, serán seis limpadores, seis axudantes de xardinaría e tres peóns de construción, o que “permitirá acometer a poda nos xardíns e reforzar os servizos de limpeza máis completos”, tal e como salientou Félix Juncal, ao tempo que “nos aliviará da situación na que nos atopamos”, apoiou Fidel Castro.

Por outro lado, o Concello de Bueu, xunto co de Pontevedra, destaca por incrementar o soldo aos contratados pola Deputación en arredor dun 30%.

Limpeza do vial provincial de subida ao cemiterio

Fidel Castro aproveitou tamén para salientar a importante labor de limpeza nos viais provinciais de Bueu, pero advirte de que quedou a estrada PO 313 de subida ao cemiterio sen limpeza. En vista disto, lanza un aviso de limpeza urxente xa que é este unha vía moi transitada e que o será máis nestas datas, a quince días do Día de Todos os Santos.

16 de outubro de 2015 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.