O Concello de Ames oferta un proxecto de educación ambiental entre todos os centros de ensino públicos
O Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente, vén de enviarlle un proxecto de educación ambiental a todos os directores/as dos centros de ensino público do municipio co fin de que todos os que o desexen se adhiran a esta iniciativa municipal. Esta mesma oferta tamén se lle fai ás ANPAS. A programación ofertada xira arredor de cinco grandes áreas: saídas didácticas e excursións ambientais; exposicións; actividades no centro escolar; actividades na Aula da Natureza; e obradoiros con material natural e de refugallo. Ademais, ofrécese un programa de actividades específico para os nenos/as escolarizados en educación infantil.
A concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, explica que “dentro deste proxecto de educación ambiental inclúese a colaboración cos centros de ensino para realizar actividades que promovan o coñecemento e a valorización do medio ambiente, así como a colaboración na formación dunha conciencia crítica cos problemas ambientais. Ao tempo que facemos chegar a nosa proposta, comunicámoslle a dispoñibilidade das nosas concellarías para considerar outras actividades nas que os centros estiveran interesados, para futuras ofertas”.
Na oferta ambiental feita aos centros de ensino indícanse as idades e os cursos aos que vai dirixida cada unha das actividades. Todos os centros e para cada un dos cursos teñen gratuíto un desprazamento en autobús. Os centros poden coller as actividades que mellor se adapten aos seus intereses escolares. Algunhas actividades ofértanse tanto aos IES coma aos CEIP, pero outras como a visita á planta de compostaxe de Lousame ou os experimentos de óptica impartidos pola USC, polo seu contido, van dirixidos só aos IES.
Estes días un grupo de 60 nenos e nenas de 6º de primaria do CEIP A Maía xa participaron na primeira actividade deste curso. Realizaron unha visita á ETAP de Sisalde acompañados da coordinadora da Aula da Natureza e da concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, que aproveitou esta actividade para comprobar de primeira man o funcionamento desta instalación municipal.
A programación xira arredor de cinco áreas
A programación ofertada xira arredor de cinco grandes áreas: saídas didácticas e excursións ambientais; exposicións; actividades no centro escolar; actividades na Aula da Natureza; e obradoiros con material natural e de refugallo. Ademais, ofrécese un programa de actividades específico para os nenos/as escolarizados en educación infantil. Esta mesma oferta tamén se lle fai ás ANPAS.
Dentro do bloque de saídas didácticas e excursións ambientais ofértanse percorridos guiados polas sendas ambientais do concello (ruta de Riamontes, ruta do Tambre, ruta do Sar, etc.) e outras saídas cun fin didáctico concreto como pode ser o coñecemento da fauna e flora dunha praia como a de Aguieira, a conformación dunha fraga, a visita ao parque eólico experimental Sotavento, ou a visita á Central Térmica e Lago das Pontes, entre outras actividades.
Tamén se ofrecen visitas guiadas ás diferentes exposicións que terá o departamento ao longo do ano. A primeira de elas será o Rio animado na primeira semana de novembro. Dentro do apartado de actividades dentro do propio centro ofrécese a posibilidade de participar na Feira do sol, unha experiencia lúdica para redescubrir o que nos achega o sol a vida cotiá, e os seus usos e aplicacións, ou en actividades de astronomía que imparte persoal especializado do Observatorio Ramón García Aller da USC.
Actividades na Aula da Natureza
Por outra banda, ofrécese a posibilidade de que os rapaces e rapazas acudan á Aula da Natureza para participar nalgunha das actividades ofertadas (elaboración de herbarios, obradoiro de froitos de outono, Coñecendo o río, Os seres vivos, Os ecosistemas, O cambio climático, Pequenos científicos, Nocións de supervivencia, etc.). Todos estes obradoiros son impartidos pola técnica e coordinadora da Aula da Natureza.
Por último, existe a posibilidade de participar en diferentes obradoiros con material natural e de refugallo para elaborar cadros naturais, cadernos de campo, postais de Nadal, bixutería (pulseiras, colgantes, chaveiros, aneis), plantas aromáticas, velas, papel reciclado, tintes naturais, bolsas a partir de periódicos, etc.
Ademais, por petición dos CEIP de Barouta e do Agro do Muíño, a Aula da Natureza colaborará cun proxecto destes dous centros que levará a todos os cursos de primaria a achegarse a Ruta de Riamontes, desenvolvendo nela tarefas de recuperación, mellora, coñecemento da funa e flora, etnografía, etc.











