publicidade hoxe

O Concello da Laracha presenta alegacións ao mapa territorial proposto por Agader

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) presentou recentemente as bases reguladoras do Programa Leader 2014-2020, incluíndo as súas propostas para configurar os ámbitos de actuación do mesmo. En todas elas o Concello da Laracha estaría integrado no GDR-10 xunto a municipios das comarcas das Mariñas (A Coruña) e Betanzos.

É por este motivo que o Concello da Laracha vén de formular unha alegación a ese mapa territorial propoñendo outro alternativo que abrangue nun único grupo de desenvolvento rural -o GDR-18- aos dezasete municipios das bisbarras de Bergantiños, Terras de Soneira, Xallas e Fisterra.

Desde o Concello da Laracha arguméntase que deste xeito non quedaría dividida ningunha bisbarra natural do Mapa Comarcal de Galicia. Ademais, sostense que os sete municipios de Bergantiños presentan unha clara unidade histórica entre eles, unha integración funcional e vertebración do territorio a través da estrada AC-552 e da autoestrada AG-55.

Considérase, ademais, que Terras de Soneira é unha prolongación do territorio da comarca de Bergantiños cara ao oeste e, ao igual que coa de Fisterra, existe unha clara vinculación de identificación co xeodestino turístico Costa da Morte. Por último, con Xallas mantéñense elementos coincidentes e existen fluxos continuos  de actividades económicas.

En definitiva, o Concello da Laracha considera que o GDR-18 debe integrar a todos os municipios das cato comarcas citadas dado que ese ámbito comparte elementos configuradores como as actividades agrarias diversificadas, economía rural baseada en pequenas empresas, dispersión da poboación e potencial de crecemento a partir de recursos naturais.

Ademais trátase dun territorio estruturado e organizado cuns centros de cabeceira dinámicos e referentes do desenvolvemento que poñen en valor as súas potencialidades para a consolidación de iniciativas xeradoras de emprego e riqueza. 

A xunta directiva da Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Bergantiños tamén acordou presentar unha alegación ás bases reguladoras do programa Leader 2014-2020 de similares características á formulada polo Concello da Laracha.

13 de outubro de 2015 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.