O Concello da Coruña pon en marcha a rehabilitación dos equipamentos deportivos urbanos
A concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de poñer en marcha un plan para rehabilitar os equipamentos deportivos urbanos da cidade. A medida, segundo o edil José Manuel Sande, “pon en valor o espazo urbano” para a realización “espontánea” do deporte. “Coa instalacións de elementos sinxelos e abertos á cidadanía en localizacións como prazas ou parques”, explicou o concelleiro, “buscamos fomentar a práctica deportiva na rúa dun xeito máis natural, espontánea e de menor custo para a veciñanza”. A rehabilitación das infraestruturas vinculadas ao deporte no espazo público comezou esta semana no barrio de Monte Alto coa instalación dunha canasta de baloncesto na praza de Indalecio Prieto, “respondendo así unha petición cidadá que veu polo SyR (Sistemas y Reclamaciones)”, sinalou Sande. Tras analizar as localizacións posibles, o equipo técnico do Servizo Municipal de Deportes decidiu colocala na parte traseira do edifico da concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivienda.
“O compromiso do Goberno local co deporte vai máis aló de grandes eventos, como a Copa do Rei de baloncesto ou o Teresa Herrera, ou a posta en valor do deporte base”, sinalou Sande. “Coa posta en marcha deste plan, o Concello quere fomentar a práctica deportiva non competitiva desde os grupos informais, fóra dos circuítos federados, dun xeito máis participado e distribuído máis aló dos recintos municipais, chegando a todos os barrios da cidade e creando novos espazos de encontro para a veciñanza”.











