O Concello da Coruña pedirá responsabilidades pola demolición no edificio Conde de Fenosa
O Concello da Coruña pedirá “responsabilidades” pola demolición parcial do edificio Conde de Fenosa ao entender que o custo debe asumilo o “obrigado principal”, en palabras do alcalde, Julio Ferreiro, en alusión aos que se consideren responsables principais das irregularidades cometidas.
Sobre esta cuestión, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, dixo tamén que “os tribunais terán que decidir qué parte de responsabilidade teñen neste proceso”, engadiu sobre os implicados nunha licenza concedida durante o mandato do exalcalde Francisco Vázquez.
Na mesma liña, insistiu en que serán os tribunais os que deberán dirimir “as responsabilidades patrimoniais”. Sobre o proxecto, tanto o edil como o alcalde mostráronse confiados en que o TSXG o avale.
“Dá cumprimento ao mandato xudicial”, sinalou o rexedor sobre un proxecto que inclúe unha demolición parcial que afectará a partes das fachadas; aos torreones e a algunhas vivendas, así como a cuestións vinculadas coa normativa contra incendios.
O proxecto, aprobado este venres en xunta de goberno, prevé un prazo máximo de 24 meses para a execución das obras, e non descarta a necesidade de realoxar dalgúns veciños, aínda que estas cuestións están xa recollidas no proxecto.
LICENZA DE OBRAS
Xunto a este asunto, a xunta de goberno aprobou a licenza de obras nos Cantóns Village para situar unha discoteca con capacidade para 3.000 persoas. “Non pensamos que sexa a alternativa ideal, pero é legal”, admitiu o alcalde.
Ademais, aprobáronse medidas para que a Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (Emusa) sexa “unha verdadeira empresa de vivenda”, sinalou o alcalde. Así, apuntou que a intención é que atenda aos colectivos máis vulnerables nesta materia.
Noutra orde de cousas, deuse luz verde a que os pregos das contratacións inclúan “cláusulas sociais”, explicou o alcalde sobre os contratos que faga o Concello. Entre eles, citou o cumprimento de cuestións como “un emprego de calidade e das marxes salariais”.











