O Concello da Coruña mostra a súa condena ao crime machista perpetrado en Vigo
O Concello da Coruña quere amosar a súa condena ante o crime machista perpetrado onte en Vigo, que acabou coa vida dunha muller de 71 anos de idade. Así mesmo, envía as súas condolencias a familiares e amizades da vítima.
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, chama á concienciación cidadá e lembra que os programas de prevención son a principal vía para rematar coa violencia machista, ademais do necesario reforzo dos servizos de apoio ás mulleres en situación de malos tratos. “É necesario que a cidadanía condene rotundamente estes asasinatos e tome unha parte activa para eliminar as violencias de xénero e machistas na sociedade”, dixo.
Desde a concellería convídase tamén aos veciños e veciñas a secundar a convocatoria do movemento feminista, que terá lugar este sábado ás 20.00 horas no Obelisco así como noutras cidades galegas, en consonancia co que se vén facendo cada vez que se produce un asasinato machista en Galicia.











