O Concello da Coruña fomentará a igualdade de acceso a un posto laboral a través dos contratos públicos
A Xunta de Goberno local do Concello da Coruña aprobou este venres unha instrución para incluír cláusulas nos procesos de contratación pública que garantan que estes se dirixen ao interese social. “Trátase dun novo cumprimento do programa electoral deste Executivo. Este compromiso atopábase entre as primeiras 25 medidas ofertadas á cidadanía”, explicou o alcalde, Xulio Ferreiro, que indicou que o Executivo municipal leva xa semanas traballando neste asunto. “Todos os pregos de contratos que saian deste concello deberán incluír, dependendo sempre do obxecto, cláusulas relacionadas con esta instrución”, subliñou o alcalde, que explicou que se buscará o fomento “do emprego de calidade, o cumprimento de marxes salariais segundo os convenios colectivos e a igualdade de acceso a un posto de traballo entre homes e mulleres así como cos colectivos máis desfavorecidos”. Promoveranse cláusulas nos contratos que teñan que ver co comercio xusto e “ademais, o 5% das contratacións que se realicen dende esta administración local estarán reservadas a entidades de carácter social”, engadiu Ferreiro.
A Xunta de Goberno local tamén ratificou a intención do Executivo municipal de levar a cabo procesos de seguimento e control do cumprimento dos contratos. “Á hora de levar a cabo unha adxudicación, estes compromisos de carácter social serán determinantes á hora de discernir nun empate entre solicitantes”, dixo o alcalde. “O incumprimento destas condicións conlevará sancións de carácter grave”, engadiu.











