O Concello da Coruña concede axudas a 24 asociacións veciñais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña vén de conceder subvencións por un valor de preto de 30.000 euros a 24 asociacións veciñais da cidade por ir a facer, ou ter realizado, ao longo deste 2015 actividades que fomentan a participación cidadá. A convocatoria estaba aberta a todas as asociacións e federacións da cidade inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións (REMAC). Das 25 entidades veciñais que presentaron solicitude, o Goberno local, a través da Concellería de Participación e Innovación Democrática, de Claudia Delso, resolveu (aínda en fase provisional) conceder estas axudas a todas menos a unha, por “non cumprir os requisitos esixidos nas bases da convocatoria”, que se publicou no Boletín Oficial Provincial (BOP) o pasado 5 de agosto.

A subvención media outorgada a estas 24 entidades é de 1.200 euros, sendo a maior cantidade adxudicada de 1.829 euros, e a mínima de 483,50 euros. A concelleira Delso destacou que na busca dunha maior transparencia “a convocatoria destas axudas levouse a cabo mediante un proceso de concorrencia competitiva, valorando cada solicitude en función duns criterios establecidos”. A valoración das propostas foi feita por unha comisión de valoración composta por tres técnicos municipais das áreas de Participación e Innovación Democrática, Culturas e Xustiza Social e Coidados. “A maior diferencia con respecto a outros anos é que introducimos unha serie de criterios novos de cara a favorecer en todo o que poidamos o fomento da participación veciñal nos barrios”, indicou a concelleira, que destacou que a intención do Goberno local “e manter e ampliar de cara ao ano que vén a contía destas axudas”, un exemplo máis do compromiso do Executivo con este tipo de políticas de fomento da integración social e de dinamización dos barrios.

Nesta resolución, o Goberno local buscou subvencionar actividades inclusivas que fomenten a participación de todos os veciños e veciñas dunha determinada zona da cidade. Así, entre as propostas que foron obxecto de subvención, destacan algunhas como as dedicadas á celebración das festas do Samaín, Entroido, Magosto e festas populares, desenvolvidas por oito asociación. Tamén resultaron receptoras de axudas outras sete entidades que solicitaron subvencións para a realización de actividades lúdicas e formativas nos seus centros cívicos. “O resto de actividades ás que corresponde axuda económica van dende concertos didácticos de floclore tradicional galego, até excursións culturais, exposicións de fotografía, obradoiros de artesanía, recuperación de tradicións como a figura do Apalpados ou un obradoiro ambiental para a limpeza e reforestacións con especies autóctonas de sendeiros no pobo de Bens”, indicou Delso.

23 de outubro de 2015 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.