O comisario de Santiago ratifica que unha testemuña declarou ver a Asunta ás 19,30 horas o día do crime
O comisario da Policía Nacional de Santiago ratificou este venres no xuízo polo crime de Asunta Basterra que unha testemuña declarou no seu día que vira á nena nunha rúa de Compostela sobre as 19,30 horas o 21 de setembro. Sinalouno a preguntas do avogado de Rosario Porto ao arranque da novena sesión do proceso, na que tamén declararon por videoconferencia, ao mesmo tempo, dous gardas civís propostos pola defensa.
Ante o interrogatorio de José Luís Gutiérrez Aranguren, explicaron que eles participaron na recolección de probas “na leira de Teo e nos vehículos”, pero que “nunca” foron á pista “onde se achou o cadáver”.
A letrada que representa a Alfonso Basterra, Belén Hospido, a continuación, cuestionoulles se lembran se estaban presentes, o 25 de setembro, no momento en que se recolleron as mostras na habitación da casa de Montouto onde apareceu a papeleira con cordas, unha máscara e panos.
“Lembran se nunha mesa auxiliar había algo?”, díxolles, ao que un axente respondeu que “había unhas luvas de traballo, tipo xardineiro”, pero que non se recolleron posto que non se viu “ningún signo de importancia”.
Sobre se se acordan de onde apareceu a bovina de cor laranxa, sinalaron que non, e, en canto a desorde nun cuarto de baño, apuntaron o mesmo. “Non lembran que se colleron dous coitelos?”, proseguiu, ao que eles explicaron que non entraron nos aseos.
A continuación, na quenda do avogado da acusación popular, comentaron que si lembran que no vehículo de Porto apareceron unhas máscaras e faltaban as alfombrillas da parte traseira, onde tamén se localizou unha mancha na moqueta.
En terceiro lugar interveu outro garda civil que si participou na recollida de mostras de terra na pista forestal, e tamén no rexistro do domicilio da nai de Asunta.
“Recolleuse, precintouse e enviouse”, relatou, sobre un vestido de Rosario respecto do cal lle pediu información o letrado da acusación popular.











