O comercio ourensán crea os Premios Mercurio para distinguir ós seus valedores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Presentación dos Premios Mercurio

Presentación dos Premios Mercurio

Os comerciantes ourensáns dan un paso a fronte para estar ó mais cerca posible dos movementos e das demandas sociais. En palabras do presidente da Federación provincial,  Aurelio Gómez Villar, “o comercio ten poder e decidiu que é o momento de exercelo en beneficio dos cidadáns”. Neste senso, o colectivo aboga por “crear e difundir un novo xeito de coñecer e redescubrir a importancia do comercio ourensán; para reivindicar a súa esencia e modernidade; o seu valor e a súa capacidade de xerar riqueza; a súa contribución a definir espazos sensibles e afectos urbanos; a transmitir unha visión estética optimista e orgullosa, e fortalecer o valor social da actividade; a súa importancia para facer as cidades máis habitables e a súa aportación para crear espazos máis humanos, atractivos e vivos. Porque os comercios son portas abertas, e porque as cidades son cidadáns e son comercios a un tempo, xa que sen eles serían outra cousa ou non serían”.

O presidente dos comerciantes engade que “chegou o momento de que o comercio se implique nas estratexias dos plans de desenvolvemento do seu entorno, se achegue ós cidadáns e estableza as alianzas precisas para atopar novos modelos sociais, porque é un elemento fundamental para crear imaxe e identidade de marca da cidade”.

Consonte esta nova liña estratéxica, a Federación provincial de Comercio organizou as xornadas “Ourense é comercio”, que rematará o vindeiro mércores coa Gala de entrega dos primeiros Premios Mercurio, no que se renderá homenaxe e recoñecemento a persoas, colectivos e profesionais destacados na súa relación coa actividade do sector na provincia. Catorce foron designados polas asociacións. Outros oito foron elexidos por un xurado específico formado por cinco membros da xunta directiva da Federación de Comercio de Ourense, Emilio P. González Iglesias, Enrique García Boente-Alonso,  Luís Rivera Fernández,  José Ramón García Iglesias e  José Manuel García Mosquera.

Previamente, as xornadas desenvolveron unha sesión aberta para analizar ¿Qué lle aporta o comercio ás cidades e aos cidadáns?, moderada polo xornalista Ramón Blanco, na que participaron Alberto de Paula, do Colexio de arquitectos (A visión de espacios urbanos singulares); o exalcalde Manuel Cabezas (Sensibilidade e aposta dos xestores públicos); Pedro Seara  (Pensar en negocio ou en compromiso social); Andrés Mazaira (Comercio e turismo: longo camiño);  Manuel Cabaleiro  (As compras na saúde social);  Maribel Outeiriño (O comercio é como somos); e Afonso V. Monxardín (O comercio no relato cultural das cidades)

Unha segunda sesión tivo por título Comerciantes fora de serie”, na que deron o seu punto de vista actores que desenvolveron na súa traxectoria un papel de comerciantes; Rubén Riós, Manuel Manquiña, Patricia Vázquez e Tacho González.

RELACIÓN DE PREMIADOS ELEXIDOS POR UN XURADO

1.- Premio Mercurio a SENSIBILIDADE SOCIAL CO COMERCIO

MARIBEL OUTEIRIÑO pola súa implicación total no só en preservar a memoria do comercio urbán senón tamén por reivindicar constantemente o dinamismo do sector comercial ourensán.

2.- Premio Mercurio a INSTITUCIÓN PÚBLICA OU PRIVADA

CALDARIA por ser o referente provincial en materia de turismo, porque sempre tiveron claras as implicacións directas entre o sector do turismo e o sector do comercio como se ven reflexando en todas as iniciativas levadas a cabo en común; pois comercio, turismo e termalismo en Ourense van da man.

3.- Premio Mercurio a COLECTIVO SOCIAL

ASOCIACION ESPAÑOLA CONTRA O CANCERporque a  AECC en Ourense caracterízase polo seu apoio incondicional a todas aquelas persoas afectadas dalgún modo pola terrible enfermidade do cancro e pola súa labor á hora de transmitir esa implicación ao comercio da cidade.

4.- Premio Mercurio a UNHA VIDA, UN EXEMPLO

JULIO RIVERA RODRIGUEZ por ser unha memoria viva e lúcida dun comercio urbán de clase, representando un tipo de comercio que personalizaba o centro da cidade de Ourense.

5.- Premio Mercurio a INNOVACIÓN COMERCIAL

BOUSO INTERSPORT porque dende a súa orixe nas Galerías Tobaris, ata hoxe, o seu crecemento foi exponencial, tanto a nivel de tendas físicas que resulta evidente, como en tenda virtual, onde compite cara a cara coas primeiras marcas a nivel mundial.

6.- Premio Mercurio a MEDIO DE COMUNICACIÓN OU XORNALISTA

ANTONIO NESPEREIRA PEREZ por ser un altavoz das demandas do comercio dende todos os medios de comunicación onde estivo e onde está presente, por desempeñar o seu traballo como xornalista con proximidade ao sector do comercio, tanto a nivel das asociacións como dos comerciantes particulares e polo programa “As contas claras” onde cada semana adica un tempo a informar sobre o sector do comercio ourensán.

7.- Premio Mercurio a COMPROMISO CO ASOCIACIONISMO

ROSARIO LÓPEZ GARCÍA polo seu dinamismo a nivel asociativo, por haber sido Presidenta do CCA de O Barco, Vicepresidenta da Federación de Comercio de Ourense e por ser membro do Comité Executivo da Federación Galega de Comercio en representación do comercio adherido da provincia de Ourense.

8.- Premio Mercurio a EMBAIXADORA DO COMERCIO OURENSÁN

CRISTINA PATO por ser a gaiteira e pianista ourensá  mais internacional. Pola súa traxectoria profesional e por ser un referente para Ourense no mundo da música e promocionar esta provincia por medio mundo. 

RELACIÓN  DE PREMIADOS ELEXIDOS POLAS ASOCIACIÓNS

1.- Pola ASOCIACIÓN CCA OURENSE CENTRO

CAMILA DEPRADO SEIJO,  DE COLCHONERÍA RIMO por ser dúas xeracións xa de negocio familiar, por facer  fronte á deslocalización comercial que está a vivir o casco histórico da cidade de Ourense e por levar a cabo a súa actividade con criterios de excelencia e profesionalidade, mantendo o mesmo punto de venta con renovación constante.

2.- Pola ASOCIACIÓN CCA OURENSE NORTE

ROBERTO SALGADO RODRÍGUEZ,  DE FERRETERÍA SALGADO por ser un referente comercial no barrio de A Ponte e pola súa larga singladura coa segunda xeración ó fronte do establecemento.

3.- Pola ASOCIACIÓN CCA COUTO CENTRO

ANTONIO PIÑA ANTÓN, DE VIAJES PIÑA por ser fundador do GRUPO ANPIAN e pola súa traxectoria empresarial ó longo de máis de 55 anos, pois como empresario aos seus 92 anos segue traballando e tomando decisións a diario e polo seu compromiso co barrio de O Couto.

4.- Pola ASOCIACIÓN DE PELUQUERÍAS E SALONES DE BELLEZA

JOSE MANUEL FERNANDEZ GÓMEZ,  DE MANUEL PELUQUERO por ser socio fundador e pola súa dedicación dende 1977, ano no que se fundou esta asociación. 

5.- Pola ASOCIACIÓN DA PRAZA DE ABASTOS Nº1 OURENSE

AMALIA MOSTEIRO MOSTEIRO, DE QUEIXOS AMALIA  porque fai que a imaxe da Praza de Abastos Nº1 de Ourense se asocie a produto de calidade e a bo servizo.

6.- Pola ASOCIACIÓN DE XOIERÍAS, PRATERÍAS E RELOXERÍAS

CANDIDO J. ESPINO GONZÁLEZ DE JOYERÍA ESPINO por ser cofundador da Asociación de Xoieiros e por ser orfebre e xoieiro dende os 14 anos.

7.- Pola AGRUPACIÓN PROVINCIAL DE LIBREIROS

EMILIO FERNANDEZ FERNANDEZ  pola súa traxectoria durante máis de vinte años na libería Betel, modernizando sempre o espazo de venta e adaptándoo ás novas tecnoloxías, por participar activamente e por compatibilizar toda esta labor coa de párroco de Cudeiro.

8.- Pola ASOCIACIÓN DE CONFITERÍAS E PASTELERÍAS

MARIA BELEN RODRÍGUEZ NOVO, DE CONFITERIA ARVA porque durante décadas ten desempeñado o oficio con entrega e cariño e porque participou na constitución desta asociación .

9.- Pola ASOCIACIÓN DE ORTOPEDIAS DE OURENSE

BALBINO RODRIGUEZ  GONZALEZ,  DE ORTOPEDIA SAN LAZARO (a título póstumo)

Pola súa  labor a favor do sector da ortopedia, por impulsor da Asociación de Ortopedias de Ourense e por ser o seu primeiro presidente.

10.- Pola ASOCIACIÓN DE DE XINZO DE LIMIA

ODILO NOVOA GONZALEZ,  DE MUEBLES LAS 3 BBB  Por ser o fundador da empresa que leva en funcionamento dende 1950 con sucursais en Xinzo de Limia e en Albarellos, sendo un referente no sector do moble e do electrodoméstico a nivel provincial.

11.- Pola ASOCIACIÓN DE EMPRESARIOS DE VERÍN – AEVER

RODOLFO SALGADO GARCIA, DE ” LA FACTORÍA ”  Por empezar nos anos 40 a súa carreira como xastre, por ser unha persoa apaixoada do seu traballo e do bo facer en cada puntada, evolucionando ata hoxe en tenda de confección coa segunda xeración agora ó fronte.

12.- Pola ASOCIACIÓN CENTRO COMERCIAL ABERTO CARBALLIÑO

MANUEL OTERO RODRIGUEZ, DE ORCELLÓNpola súa activa traxectoria en prol do asociacionismo comercial na vila do Carballiño dende 1992 e como empresario destacado; constituíndo a segunda xeración dunha empresa familiar que tivo as súas orixes polo ano 1965.

13.- Pola  ASOCIACIÓN CCA O BARCO ABERTO

PILAR DELGADO CAMPOS, PRIMEIRA PRESIDENTA DO CCA DE O BARCO pola súa capacidade de entrega e pola súa implicación en todos os proxectos que teñan que ver co desenvolvemento e o benestar do sector empresarial e da comarca de Valdeorras, por considerala como a mellor representante para promocionar o asociacionismo.

14.- Por ESTABLECEMENTOS ASOCIADOS DO RIBEIRO – EAR

FUNDACION FESTA DA ISTORIA porque a pesar de non pertencer ó gremio de comerciantes, é a mellor das opcións posibles á hora de homenaxear a alguén que loita polo pobo e potencia a economía do Ribeiro.

A XEITO DE REFLEXIÓNS 

O comercio local debe fornecer os cidadáns de sentimentos para a interacción, para que o entendan, o respeten e –sobre todo- o defendan de xeito natural. É preciso un cambio sociolóxico obrigado. 

Nesta liña da acción conxúganse elementos básicos, como son a transformación, a reafirmación, o recoñecemento, o afianzamento, o desenvolvemento dunha dialéctica personalizada máis contundente para o comercio. Un paso adiante é a creación dunha nova identidade que configure unha visión acolledora, moderna e imprescindible da actividade comercial, dentro dun contexto social no que a súa presenza se signifique como claramente beneficiosa, irreemplazable e necesaria.

Os comercios tradicionais son máis próximos e máis fiables.  Calidade e confianza son as potencialidades coas que resisten ciclos e xeneracións, e que lles reportan a súa máis fonda razón de existir. Aínda máis, constitúen a cara máis visible do xeito de vivir e de relacionarse un pobo. Os espazos nos que se ubican e a súa propia actividade forxan as pautas identitarias que mellor axudan a coñecer e entender unha sociedade, as súas costumes, os seus gustos, os seus recursos e os seus comportamentos. Son sempre unha primeira porta aberta nunha cidade, polo común sempre a máis importante e a máis accesible. Esa é a razón pola que os novos tempos fan máis necesaria a súa existencia. Porque posibilitan unha cultura do encontro. E porque a súa fortaleza garante sociedades máis solidarias, con máis sentido do seu e con maior calidade de vida.     

19 de outubro de 2015 | 11:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.