O comercio lugués debate sobre emprendemento e novas tecnoloxías no futuro do sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe en Lugo nun Taller de Emprendemento e Creatividade Tecnolóxica, organizado pola Federación Galega de Comercio en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, no que se debateu sobre as iniciativas emprendedoras, o smart commerce e as novas tecnoloxías como claves do futuro do sector.

No Taller, que chegará nas próximas semanas ás catro provincias galegas, achegouse información sobre as distintas ferramentas a disposición dos comerciantes, ao tempo que as empresas Teleservicio e Parada Dulce presentaron as súas experiencias de éxito baseadas na innovación.

O obxectivo da iniciativa é transmitir información e exemplos de aptitudes que permitan ao comercio de proximidade responder aos diferentes desafíos e oportunidades, achegando medios para impulsar a súa competitividade a través do emprego de novas canles de promocion e venda, fidelización e coñecemento do consumidor.

A aposta polo smart commerce, establecendo un novo modelo de comercio intelixente que sitúe o cliente no centro da súa estratexia, é un dos eixos do novo Plan de Impulso ao Comercio de Galicia, no que se aposta por incrementar a innovación no comercio galego como un dos factores clave para mellorar a súa posición competitiva, impulsando o comercio electrónico e novas fórmulas de comercialización dos produtos, así como de mellora do seu deseño e presentación.

29 de outubro de 2015 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.