O Colexio de Psicoloxía denuncia a precarización laboral da asistencia pública en saúde mental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia denuncia a grave precarización laboral que se está a producir na atención especializada pública en saúde mental en Galicia, especialmente no que afecta á psicoloxía clínica. Ante o devir das decisións da Administración autonómica, esta institución ve imprescindible poñer sobre a mesa as consecuencias dos recortes que están a incidir sobre a calidade asistencial que reciben as persoas usuarias da sanidade pública galega.

En distintas ocasións, o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) que forma parte do COPG, vén recibindo demandas de atención psicolóxica desde centros hospitalarios diante de situacións de emerxencia. Pola contra, o GIPCE non pode actuar nestes casos, xa que por lei os hospitais teñen a obriga de contar co seu propio equipo de saúde mental e con protocolos específicos para este tipo de situacións. Así, evidénciase a falta de interese, por unha banda, e a ausencia dunha adecuada protocolización dos psicólogos e psicólogas neste campo, malia que os propios equipos directivos do SERGAS recoñecen que existe esta importante necesidade.

Desde o COPG somos conscientes de que esta situación de crise económica obriga a uns recortes duros que afectan a toda a asistencia sanitaria pública, pero non pode servir como escusa para que non se realicen de forma proporcionada e razoable. Coa crise como pretexto, abandonouse o Plan Estratéxico de Saúde Mental, que implicaría un mínimo crecemento dos recursos humanos, incluídas tamén as psicólogas e psicólogos clínicos. A Administración polas súas actuacións recoñece a necesidade de prestar asistencia psicolóxica desde os seus centros públicos, pero no canto de aumentar os recursos propios, asinou convenios con oenegués para a prestación en oncoloxía ou coidados paliativos, por exemplo. Este tipo de contratación implica poñer nun serio compromiso á autonomía coa que exercen os psicólogos e psicólogas dependentes de entidades alleas aos centros médicos, repercutindo finalmente sobre as persoas usuarias finais, é dicir, pacientes.

Desde o COPG consideramos imprescindible garantir a autonomía dos e das facultativas especialistas, e iso só se pode conseguir a través de prazas públicas no SERGAS. Tamén hai anos que vimos denunciando o procedemento imposto en certas unidades de atención primaria que obriga a derivar primeiro a psiquiatría e que unha vez se teña o seu visto bo poida acceder a psicoloxía clínica, o que supón unha inxustiza e unha falta de recoñecemento ao traballo dos e das psicólogas clínicas.

Convocatoria da OPE 2015 do SERGAS

Estes feitos agrávanse coa ausencia por segundo ano consecutivo de prazas para a especialidade de psicoloxía clínica na Oferta Pública de Emprego (OPE) do SERGAS, o que implica desatender unha necesidade evidente, recoñecida pola propia Administración que palía con convenio externos, precarizando os e as profesionais, limitando a súa autonomía e redundando finalmente na asistencia ás persoas usuarias, como aconteceu no caso do accidente do rally de Carral.

Cando a situación actual, agravada pola crise económica, está a repercutir na saúde da cidadanía, especialmente a nivel mental, non investir en facultativos/as da especialidade de psicoloxía clínica é un acto de irresponsabilidade. Esta decisión, por segundo ano consecutivo, é realmente grave e demostra a deixadez desta Administración no relativo á especialidade de psicoloxía clínica, como por exemplo tamén a obviou para a supervisión do proxecto europeo de investigación para o tratamento da depresión online que deu comezo este ano na nosa Comunidade.

Desde o Colexio consideramos que é inadmisible unha nova Oferta Pública de Emprego do SERGAS que non contemple a especialistas de psicoloxía clínica, e que a asistencia psicolóxica se ofreza a través de prazas públicas e non de convenios con oenegués. A Xunta de Galicia debe actuar con responsabilidade e non continuar a favorecer a precarización dos e das profesionais que prestan a asistencia pública en psicoloxía clínica

6 de outubro de 2015 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.