O Club Marcapasos despega coa lectura da novela gañadora do premio Alfagura 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Concellería de Cultura por en marcha o vindeiro luns, 19 de outubro, a segunda edición do Club de Lectura Marcapasos, unha iniciativa promovida pola Biblioteca Municipal Rosalía de Castro e que coordina o profesor Augusto Guedes. O grupo componse de 17 persoas que comezarán a traballar coa lectura do premio Alfagura 2015, a novela “Contigo en la distancia” de Carla Guelfenbein.

A concelleira de Cultura, Sonia Outón, presentou a segunda edición do Club de Lectura nun acto no que tamén estiveron a directora da Biblioteca, Mercedes Castro e Augusto Guedes. O club funcionará como o ano pasado, con reunións quincenais no Auditorio nas que os participantes comentarán o libro lido previamente e que se encarga de facilitarlles a Biblioteca. As sesións serán os luns e comezarán ás 19:30 horas.
Guedes explicou que este ano introducirá algunha obra de poesía e ten a intención de invitar a algún autor para que realice unha lectura pública dos seus versos. A idea é que o club de lectura remate en marzo para en abril poder realizar un taller de escritura, como xa se fixo na primeira edición.

A concelleira de Cultura felicitou aos responsables do Club da Lectura por tratarse dunha iniciativa que completar a oferta da Biblioteca Municipal “dando cobertura a un sector da poboación que xa é lector habitual, pero que quere ir máis aló, que quere afondar nas obras literarias, comentalas e compartir e intercambiar opinións con outros lectores, saber algo máis dos autores ou do contexto no que se escribiron ou desenvolven os textos”.

O resultado da primeira edición do Club de Lectura foi moi positivo, segundo indicou a directora da Biblioteca, xa que se cumpriron os obxectivos marcados. O principal era o de dar un novo enfoque á lectura, un acto íntimo e persoal que se soe facer de xeito individual, pero que a través deste club convértese nun acto colectivo e compartido que resulta moito máis enriquecedor ao confrontar opinións, ideas e permitir o debate.

Pola súa banda, Augusto Guedes destacou a importancia da intendencia quen presta a Biblioteca “que se encarga de conseguir os 17 exemplares dun título da mesma edición para que os membros do club poidan lelos ao tempo e nunha mesma versión, algo que non resulta nada doado”. A directora do centro explicou que se recorre aos fondos da Biblioteca Fórum da Coruña e do Club de Lectura de Galicia. O coordinador tamén agradeceu o esforzo que realiza o Concello para que este club de lectura poida realizarse xa que corre co custe dos portes de envío e devolución dos libros unha vez esgotado o prazo de préstamo.

Aínda que o grupo xa está pechado e o número de prazas é limitado para que o club sexa operativo e todos poidan participar de xeito activo, as persoas interesadas en asistir ao club de Lectura poden realizar unha preinscrición na Biblioteca a efectos de ser avisados en caso de producirse algunha baixa.

15 de outubro de 2015 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.