publicidade hoxe

O Ciclo de Teatro no Outono chega ao rural en Arzúa esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúa
A-
A+

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa continúa desenvolvendo as representacións programadas dentro do 9º Ciclo de Teatro no Outono. Despois do éxito de participación na sesión infantil da pasada fin de semana, o certame segue co espectáculo ‘Historias da vida, guerra, amor e case morte’ da compañía Daboapipa. A representación, dirixida a un público adulto, terá lugar este domingo, 18 de outubro, no local social de Viladavil ás seis da tarde.

Historias de vida, amor, guerra e case morte’ é unha fermosa proposta a medio camiño entre a narración oral e o teatro con música en vivo.

Ao longo de varias historias recollidas de experiencias reais, Santi Prieto e Vero Rilo cóntannos historias dos nosos maiores que reflicten dun xeito agarimoso e divertido a realidade na que vivían. Historias de amor, de emigración, de reclusión, guerra e amor contadas dende a ternura e a emoción nunha proposta que arranca bágoas, lembranzas e sorrisos.

A sesión teatral, de 45 minutos de duración, fai un percorrido pola nosa historia cotiá máis próxima e popular a través dos contos, de cancións populares e de instrumentos tradicionais como o acordeón. A entrada será libre e gratuíta.

15 de outubro de 2015 | 11:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.