O CHUS remite ao xulgado o caso de Andrea para ver se referenda o plan terapéutico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press
Comparecencia de Luis Verde

Comparecencia de Luis Verde

O xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Luis Verde, explicou que se puxo en coñecemento do xulgado “a situación actual” de Andrea, a nena de 12 anos cunha enfermidade dexenerativa e irreversible para a cal os seus pais piden unha morte digna, coa finalidade de ver “se referenda continuar co plan terapéutico que autorizou en xullo ou levar a cabo algunha a súa modificación”.

En declaracións aos medios, o xerente do CHUS desvelou que os profesionais do servizo de Pediatría actúan “seguindo un auto xudicial” do mes de xullo a instancias dos propios facultativos. Non obstante, ante a petición dos pais da pequena, que reclaman que se lle retire a alimentación artificial, e “de cara a salvagardar os dereitos da menor”, volveuse poñer en coñecemento do xulgado a situación actual de Andrea.

“Seguiremos actuando conforme ao que marca a lexislación e a boa práctica clínica”, afirmou Luis Verde quen defendeu que o servizo de Pediatría actúa “na liña que marcan os principios da boa práctica clínica e da ética asistencial” e negou que neste caso exista unha obstinación terapéutica. Ao respecto, insistiu en que os pediatras intentan cumprir esa limitación do esforzo terapéutico que solicita a familia e que están a seguir un auto xudicial previo do mes de xullo pasado”.

Así é que agora se facilitará ao xulgado tanto a historia clínica como o informe do comité de bioética -que avala a retirada do soporte mediante o cal é alimentada- para que “axude a tomar a mellor decisión posible” para Andrea, segundo as súas propias palabras. “O servizo de Pediatría entende que xa está a exercer esa limitación do esforzo terapéutico”, avalou, e xulgou “razoable” poñer en coñecemento da Xustiza “a nova situación” para que “volva orientar” as actuacións médicas.

Andrea naceu hai 12 anos cunha enfermidade neurodegenerativa grave e o seu estado empeorou o pasado mes de xuño, cando sufriu unha hemorraxia gastrointestinal que a levou ao hospital. Os seus pais piden para ela unha morte digna e, se ben os médicos aseguran que non será reanimada nin tratada se xorde algunha enfermidade aguda, tamén indican que a súa vida neste momento non depende de ningún soporte mecánico para manter as súas funcións. A súa única dependencia, engaden, é porque non traga alimentación, polo que recibe directamente no estómago líquidos e nutrientes mediante gastrostomía, que é a técnica “menos agresiva”.

PLAN TERAPÉUTICO

Ao respecto, o único comentario que fixo o xerente do CHUS é que Andrea se atopa “estable” e apelou á “confidencialidade” da información clínica para non revelar máis información ao respecto.

Nin sequera informou de qué pautas impuxo a Xustiza o pasado mes de xullo para a asistencia de Andrea, e simplemente indicou que “hai un plan terapéutico que se está a aplicar e que no seu momento o xulgado avalou”, despois de que o servizo de Pediatría o puxese no seu coñecemento.

En canto á posibilidade de que se produza un cambio de criterio, Luis Verde asegurou que se actuará en función do que marque o xulgado e apuntou que as resolucións deste tipo tardan “moi pouco”.

Con todo, pediu “calma” para resolver as discrepancias que os médicos e a familia manteñen sobre “o alcance das actuacións” clínicas. “Estamos a falar dun paciente crónico, que fai 12 anos que vive e ten este padecemento e é necesario tomarse, dada a importancia do caso, o tempo e a calma suficientes para actuar do mellor modo posible para a paciente,” evidenciou.

“Cuestionado sobre se pode decidir mellor sobre a situación clínica dunha persoa un xulgado que un equipo médico, resolveu que a interpretación das leis corresponde aos xuíces”, de modo que a eles toca resolver as “discrepancias”.

OBXECCIÓN DE CONCIENCIA

Ao fío deste caso, o xerente do CHUS rexeitou entrar “en xuízos de valor” sobre se a decisión dos médicos garda relación cun sentimento de desprotección á hora de aceptar poñer fin á vida de Andrea.

“Nosos clínicos sempre actúan conforme aos principios da ética e da boa práctica clínica, e non creo que teñan ningunha limitación nin sensación para non poder facelo así”, resolveu, e tamén esquivou a posibilidade de que responda a unha obxección de conciencia médica.

“Xa dixen no que estamos”, atallou, para resumir que se trata dunha “discrepancia sobre o alcance das actuacións”. “Os pediatras entenden que xa están a practicar esa limitación do esforzo terapéutico e seguindo o plan, e hai discrepancia sobre o alcance disto. Polo tanto, o mellor é aclaralo”, finalizou Luis Verde.

1 de outubro de 2015 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.