O Centro Rosalía de Castro celebra o Día da Biblioteca cun contacontos e marcapáxinas
O sábado, 24 de outubro, é o Día das Bibliotecas, unha celebración á que o Concello de Vilagarcía se suma cos actos organizados polo centro Público Rosalía de Castro. A Biblioteca de Rey Daviña ofrecerá o venres unha sesión de conta contos para escolares e o sábado agasallará con marca páxinas aos usuarios que utilicen o servizo de préstamo a domicilio. Con este programa, o centro pretende dar a coñecer a Biblioteca ao maior número de xente, especialmente aos máis cativos, ensinarlles o seu funcionamento e invitalos a facerse socios.
Dado que o día 24 cae este ano en sábado, a Biblioteca Pública Rosalía de Castro adianta ao venres a sesión de conta contos a efectos de que poidan asistir grupos de escolares. O “Contiario” que correrá a cargo do animador Pablo Sánchez, desenvolverase na sala infantil do centro da Rúa Rey Daviña a partir das once da mañá. Asistirán alumnos de 2º curso de Primaria dos colexios A Escardia e Anexo A Lomba.
Como se dun Bestiario se tratara, esta sesión de conta contos estrutúrase como unha colección de relatos que amosan a grande variedade e riqueza da literatura infantil e da tradición oral. O obxectivo é espertar a curiosidade polos libros, por “mergullarse” nos estantes da biblioteca e dar a coñecer os contos tradicionais e máis os contemporáneos. Apoiando a narración empregaranse franelógrafos, paneis debuxados, monicreques, música e por suposto a voz. No Contiario collen todo tipo de contos: contos que empezan ao revés, contos con moitos finais, fábulas, cantares de cego, contos minúsculos, adiviñas, contos-canción…
Ao remate da sesión entregaráselles, os asistentes, marca páxinas e solicitudes para facerse socios do servizo de préstamo a domicilio. Os marca páxinas estanse deseñando estes días coa colaboración dos usuarios da sala infantil de Biblioteca. Por último, o sábado 24, que é propiamente o Día da Biblioteca, tamén se repartirán marca páxinas entre os usuarios que fagan uso do servizo de préstamo a domicilio
Pablo Sánchez estudou Maxisterio e é Técnico en Educación Infantil.
Formouse como actor en escolas internacionais (Dell Arte en EEUU, Circomedia en Inglaterra, Scuola del Attore Cómico en Italia,etc).
Leva traballando como actor dende o ano 1989 e dende entón traballou de actor, titiriteiro, clown, mestre, na TVG, etc.
No eido infantil colaborou con moitas compañías como Falcatrúa, Berrobamban,Trinke Trinke, Ollomol, San&San,Katarsis… ata que creou a súa propia, OS CONTOS DE PABLISIMO, especializada en conta contos, animación á lectura e teatro infantil.
Os seus espectáculos de pequeno e mediano formato toman sempre como base a literatura infantil (contos clásicos,contemporáneos e de creación propia) a tradición oral e o teatro.











