O Centro Galego de Burgos outorga a Feijóo e Miranda os seus primeiros títulos de socios de honra
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recolleu no Centro Galego de Burgos os primeiros títulos de Socios de Honra que outorga a entidade e que, por decisión da comunidade galega nesta cidade castelá, recaeron no Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e no propio Rodríguez Miranda.
Miranda agradeceu o recoñecemento e asegurou que traballará “aínda con máis empurre por afondar nas excelentes relacións entre ambas comunidades autónomas”, e de maneira destacada por axudar a manter e mellorar a boa imaxe que de Galicia proxectan a colectividade de galegos residentes en Burgos.
Na súa alocución durante a recepción do título, Miranda aludiu ao incesante traballo que desenvolven as e os galegos residentes fóra, que “lograstes unha proxección que só cabe apreciar e agradecer. A Xunta estima e pon en valor ese labor constante, e por iso é unha honra para min recibir hoxe este nomeamento”.
Tamén afirmou o secretario xeral que “a capacidade de integración da Galeguidade nesta cidade demóstrana os nosos paisanos e paisanas día a día, pero hai que dicir que boa parte do mérito recae nunha sociedade, a burgalesa, aberta ao intercambio e ao enriquecemento cultural. A ese enriquecemento contribuístes de maneira moi destacable, e é xusto recoñecelo, as galegas e os galegos aquí asentados”.
Proxección de Galicia
Antes do acto oficial de entrega dos títulos de socios de honra a Feijóo e a el mesmo, Rodríguez Miranda visitou aos socios, á directiva e as instalacións da entidade, que mantén un local social en alugueiro cunha superficie de máis de 200 metros cadrados. Dotado con servizos de hostalaría, sala de conferencias e biblioteca, a súa localización, moi pretiño do prestixioso Museo da Evolución Humana –referente turístico fundamental da cidade canda a catedral- fai que polas súas instalacións pasen con regularidade non só socios do Centro e doutras comunidades galegas, senón tamén xente sen relación directa con Galicia, o cal facilita unha proxección singular e personalizada da nosa terra.
Segundo os datos do Padrón Continuo do INE a 1 de xaneiro de 2015, residen oficialmente na Comunidade Autónoma de Castela e León un total de 24.140 galegas e galegos, dos que 2.212 fano na provincia de Burgos.











