O Centro de Recursos Solidarios de Narón recadou uns 1.400 euros no Festival Solidario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+
Entrega do premio solidario

Entrega do premio solidario

O Pazo da Cultura acolleu onte pola tarde a celebración da terceira edición do Festival Solidario, no que se recadaron 1.400 euros –coa venta de entradas- que se destinarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. A tenente de alcalde e concelleira de Cultura de Narón, Marián Ferreiro, a edil de Acción Social, Catalina García, e Dolores Romero, presidenta da asociación Dignidad, subiron ao escenario para facer entrega do Premio Solidario, un diploma que nesta ocasión recolleu Agustín García, xerente de supermercados Lidl en Narón e Ferrol, polas doazóns que a firma realiza ao longo do ano ao Centro de Recursos Solidarios de Narón, unha axuda que agradeceron as representantes do Concello.

O festival, presentado pola xornalista naronesa Raquel Rodríguez, comezou cunha exhibición de zumba a cargo de Zin´s Sensation, á que seguíu unha actuación musical de Los Zares, con Sito Sedes. A continuación proxectouse un vídeo no que se contaba a historia do Centro de Recursos Solidarios de Narón e se amosaban varias imaxes de actividades programadas para recadar fondos. O Grupo Magenta e La Promesa completaron o apartado musical deste evento.

A tenente de alcalde de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Acción Social, Catalina García, agradecen á veciñanza o respaldo a este evento, convocado con fins solidarios, así como todas as doazóns que ao longo do ano realizan tanto asociacións como empresas e particulares ao Centro de Recursos Solidarios de Narón, cuxas instalacións se localizan no polígono das Lagoas e que atende a familias da localidade e tamén doutros concellos da comarca.

Outras doazóns ao Centro de Recursos Solidarios de Narón

A concelleira de Acción Social, Catalina García, recibiu do director xerente do Grupo Capela, Elías Paz, unha doazón para as citadas instalacións de 300 euros en vales de combustible a repostar na gasolineira que a empresa ten no polígono da Gándara, en Narón. O donativo realizado por Hidrocarburos del Norte –firma do Grupo Capela- é dun importe idéntico ao que a empresa efectuou o ano pasado e permitirá reducir os gastos de repostaxe no vehículo que o Centro de Recursos Solidarios de Narón utiliza como servizo de transporte.

Así mesmo, a empresa Ortegal Oil colaborou un ano máis co Centro de Recursos Solidarios de Narón e o seu xerente, Antonio López, entregoulle á edil Catalina García un total de 20 vales por importe de 25 euros cada un para repostar nas gasolineiras que a compañía ten nos concellos de Narón e Fene. A doazón de Ortegal Oil é tamén idéntica á realizada o ano pasado, por un importe de 500 euros, e que o propio xerente da firma confía en manter en vindeiras anualidades.

Catalina García agradeceu a Elías Paz e a Antonio López a colaboración que as empresas ás que representan presta ao Centro de Recursos Solidarios, “contribuíndo así cunha causa solidaria e axudando a que poidamos reducir gastos en distribución e destinar eses cartos a outros fins propios destas instalacións”.

A edil de Acción Social agradeceu tamén as doazóns de alimentos realizadas a finais do pasado mes de setembro na Gala Solidaria organizada por Amicor e celebrada no Couto –“Mulleres en vermello”- e na de Salseiros Solidarios celebrada na discoteca Onda, nas que se recadaron 150 e 570 quilos de alimentos respectivamente, que se entregaron ao Centro de Recusos Solidarios de Narón.

5 de outubro de 2015 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.